Radio Noticias Xornal Galicia
Hoy:
00:00 / 00:00

O galego acaba de se converter nunha lingua litúrxica, unha sorte de latinorio, no Congreso español. Tal e como xa o vén sendo, dende hai moitos anos, no Parlamento galego. Vimos de escoitar falar galego a partidos presuntamente de esquerdas que non salientan por empregar o galego a cotío na súa terra aínda que algúns o falen mellor que Yolanda Díaz o inglés coa prensa estranxeira. Moitos parabenízanse de ter acadado tamaño triunfo mentres eu teño para min que non é máis do que unha concesión simbólica para coutar as luitas polos dereitos políticos e lingüísticos das nazóns sumetidas a este Estado centralista.

Algo así como nos convidar ao velorio da nosa propia lingua agochando o morto no hórreo onde gardamos a colleita. Xa, xa. Xa sei que os chamados soberanistas (eufemismo temesiño de quen só a moi longo prazo considera a independencia da súa nazón) brindarán por este día histórico con viño escumoso de adegas rumorosas. Mais que uns políticos -tan cuspidiños a aqueles pinos do Retiro dos que falava D.Ramón Cabanillas cando fora deputado en Cortes- poidan falar galego no Congreso dun Estado que lles nega o seu dereito de autodeterminación vaia ser un evento histórico para a duvidosa supervivencia da lingua, non pode acreditalo nin o máis benego.
Como escrevía o grande Darío Xohán Cabana en A lingua en 2050: A independencia de Galicia -ou algo moi parecido- non garantiría totalmente a supervivencia do galego e a súa consolidación como lingua nacional; pero sen ela estes obxectivos son practicamente imposibles a longo prazo. E iso que o Darío non ousava soñar con mil senón con cen primaveras máis. El cría que pouco poderiamos facer contra a destrución do galego mentres tivesemos os raposos gardando o galiñeiro, eses raposos populares que hoxe no Congreso vimos renegando do uso da nosa lingua, unha vez máis. Secundados por un presidente da Xunta que pasándose polo forro o Estatuto de Autonomía e aldraxando a esa gran parte de seu electorado galegofalante, se alía novamente cos fascistas de Vox.
Porén, Darío dicía neste livro coletivo que a culpa non era dos raposos que obran segundo a súa natureza senón tamén de todos os galegos que prometemos movilizacións sen descanso cando o ataque lingüicida do primeiro governo Feijóo e non as fixemos, e culpa tamén deses sindicatos de ensinantes nacionalistas e de esquerda, todos eles teoricamente comprometidos coa causa do galego.
Cismando no afouto das certeiras verbas do tristemente finado Darío (sobranceiro tradutor de A divina comedia, de Dante Alighieri, entre outras moitas obras) pregúntome que freo vai supor para a morte do galego que uns deputados muden a súa lingua de uso habitual, que é en tantos casos o castelán, dentro do hemiciclo. Vai facer isto que as novas xeracións que nunca o mamaron falen galego, esas que empregan as linguas importantes en internet, esas que cursan aulas en colexios plurilingües onde a lingua propia parece pasar pola máis impropia, a un nível incluso inferior do que a lingua estranxeira?.
Chegará un día en que o galego só se fale en cerimonias de aparentar e nos parlamentos mentres nos propios territorios de orixe só se platique unha sorte de espaninglis?.
A min, -que, como a tantas, me expropiaron a lingua na neneza- a única ledicia que me deu escoitar hoxe o galego no Congreso foi a saída de Vox a fume de carozo.
Porque acaso hai linguas máis belidas que aquelas que o fascio rexeita?.
IOLANDA TEIXEIRO REI
FERROL

 Nuestras noticias son gratis bajo licencia GNU  

  •  Pero deseo colaborar
  • Donación 6 Euros 12 meses  
  •   Sin límite de restricciones
Si no desea suscribirse pero si, colaborar con nosotros.:

 Más información haciendo clic aquí...+

BANERPLAGIOXORNALGALICIA

Buscador Hemerotecas Grupo Pladesemapesga en Internet

Si no encuentras lo que buscas, EJEMPLO; " Antonio Suárez Gutierrez de Grupomar y Asturias " te proponemos intentarlo de nuevo desde aqui a través de los buscadores del grupo Pladesemapesga y directamente en la web

En la Hemeroteca xornalgalicia.com. -   En XornaldeGalicia.es Hemeroteca  -   En XornaldeGalicia.es -   En Diario Marítimo -   En Actualidad Ibérica ANAI  -   En Pladesemapesga -   En Tribuna Informativa.  -   En Acción y Transparencia Pública. -    En xornalgalicia.com -   En todo Internet