Pouco antes do pasado Nadal estreouse o filme galego O corpo aberto, baseado no abraiante relato de X.L. Méndez Ferrín Lobosandaus de seu livro Arraianos. Dirixido por Ángeles Huerta e con música nada menos que de Mercedes Peón, pasou sen pena nin gloria pola carteleira. De xeito que non me foi posibel vela afiuzando en que un filme baseado nunha xoia da literatura galega do mellor escritor galego vivo, ben ía durar todas as festas. Mais, pasado o balume de filmes comerciais de ínfima calidade con que nos enfeitan nas vacacións, coidei que voltaría aos cinemas. Aínda estou a agardar.
Pero o máis misterioso -falando dun relato cheo de intriga e misterio- é o silenzo xeralizado sobre este feito. Fartei de escoitar nas redes moreas de comentarios a prol e en contra do filme As bestas, cuestionando a visión colonial que amosa sobre a que deron en chamar a Galiza profunda. Non vou opinar sobre a recriación dese desgraciado suceso real porque non vin o filme senón só o documental. Porén resulta sorpendente que ninguén diga nada sobre un filme baseado nun relato como Lobosandaus, non só dunha calidade literaria senlleira senón polo tema tratado, o corpo aberto. Só reparando neste tema de tanta valía antropolóxica para a cultura galega e atlántica ou céltica en xeral, este filme devería estar longo tempo en carteleira e ser publicitado e apoiado por todas as institucións culturais do país. Tería de estarse a debater nos centros de ensino, centros culturais e bibliotecas de toda Galiza.
Cóntame meu irmao o mitólogo, Xan Teixeiro, que é tan importante esta crenza galega nos corpos abertos que o versado na civilización celta e o ciclo artúrico, Jean Markale, autor de aquel Contos e lendas dos países celtas de Toxosoutos, andou pescudando nisto por terras do Ortegal, pois que o mesmo que na Raia, onde se centra o relato de Ferrín, tamén se conservava esta crenza.
Algunhas persoas confunden o corpo aberto coa metempsicose, a crenza na transmigración das ánimas, común a todos os povos celtas, onde se sitúan as entradas ao alén e onde os mortos embarcan como acontece no santuario de Santo André de Teixido, na Capelada. Mais o corpo aberto é a capacidade de se meter en un ou en varios corpos a un tempo por vontade da persoa, suceso que adoitava ocorrer cando se abrían as portas entre os mundos, eis Samain, Beltaine…e parece que maiormente polo Sanmartiño. No contro ferriniano, o poder diabólico de Obdulia sobre da súa cuñada Dorinda acontece en novembro. E o mesmo día de Nadal aparecera enforcado nunha cerdeira o Turelo para se librar de ter o capador Nicasio dentro do corpo, capador que xa se metera tamén no corpo de Obdulia. Como vemos, os corpos ábrense cando as portas entre os mundos.
Markale non atopou esta crenza en ningún outro dos países celtas, o que fai que aínda sexa máis necesario recollela, estudala e transmitila.
Contávame Ferrín un día da transcendencia do ciclo artúrico por terras de Cedeira. Coido que tamén Markale sabería disto pois ten escrito sobre Lanzarote do Lago e a cabaleiría artúrica, o rei Artur, a fada Morgana, Perceval… Tamén Ferrín engaiolou co Perceval e o conto do Grial de Chrétien de Troyes e agasallounos aquel Percival e outras historias, aquela pantasía simbólica de insectos desacougantes e personaxes artúricas situándose na avangarda literaria dos 50 con esta súa primeira novela.
Porén, por que este esquecemento fílmico nos medios culturais do país? Por que ninguén fala de O corpo aberto? Porque Lobosandaus si trata da Galiza profunda, das nosas fondas raizames nun mundo globalizado que bailanacriba.
Veña por min, señor tío.
IOLANDA TEIXEIRO REI
FERROL