TEMPOS DE RESACA

Información
Opinión 05 Octubre 2022 191 Votos Correo electrónico Imprimir
Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 
social youtube xornalgalicia   feed-image

Eran tempos de resaca, de trafegar co viño que esgotava coa seca. Eran tempos de malestar, nas galladas das rúas, botados a perder polos excesos, as pingas da mocidade a soñar outra vida imposibel. Unha fuxida, un brinco afogado nas caliveras, entre o monopolio das tascas e o oligopolio das grúas da inmortalidade.

Eran os días sen horas nen reloxos. As oficinas do paro perderan há ben anos os pregos e os empregos. Os pregos de reclamación cuspían uns selos eletrónicos en clave para evitar a evidencia das longas ringleiras de persoas sobrantes. Mercadorías que a caixa rexistradora do Capital tiña descatalogadas. Como iogures caducados xa sen granxa nen destino, os parados iamos parar ao vertedoiro de Mougá onde as cabras ventureiras farían de nós un esterco mol e inoloro.

Era a resaca. O retroceso da maré, cando as gaivotas cos seus eternos chíos volven á carroña. Os cangarexos de Madrí saían dos debuxos de Castelao para recuar no grande océano salgado. Arribavan ás Sisargas a cobizar a Illa de Solstición. No salón de Fitur a maré era dunha linda cor cobalto, sen xerfa nen argazos. Unha acaxomada maré de deseño a peitear o revolto areal. Mais acó, en provincias, a forza da Maré involuciona e regresa ao ventre do mar. Esa Maré engaiolada por cantos de sereas, enguedellada no tridente do neptunio radiactivo de Neptuno, obtido dese uranio tan escaso como artificial.

As Nereidas facíanlles o coro nas Gabeiras onde o segredo castelo da lenda e os miúdos piollos da area, que foran repatriados a praias sen bandeira azul, recolocaranse de pulgas do catre a tempo parcial cun contrato discontinuo. Aspiravan, vagamente, a participar do Pantin Clasic como rexas pulgas surfeiras a encher portadas de insectívoros parásitos xornais. Mais eran poupariñas e non ligavan ben coas femias dos pulgóns que andavan todo o día a parasitar os gromos tenros das plantas. Aquela cidade amurallada, de costas ao mar, sempre tivera moi malas pulgas.

Nas vésperas de Sanxoán, os bairros ficavan sen campeiros onde xuntar a leña de eucalipto. Os vellos pterodáctilos, tirados nos xeriátricos, soñavan con ter membranas nos dedos como reptís fósiles para sair voando cara o lume doutros tempos sen mangueiras nen bombeiros ignífugos. Preferían arder nas lapas de seu inferno que viver a vida programada residencial. Canta envexa lle tiñan aos vellos esmoleiros e ás vellas que saían a remexer pola noite nos residuos orgánicos. Armados cun carriño e un esmirriado can sen traza de ter visto unha perruquería canina.

Ollava o sul da ría onde, na noite, as luces do monstro sen nome da planta de gas, chiscavanlle uns ollos sanguiñentos.

Aló, no peirao, entre os cascalhos, os chíos das gaivotas na resaca ventavan un mañá carroñento.

IOLANDA TEIXEIRO REI