Pergúntanme que opino do polémico artigo Que sí pero no, escrito nun xornal polo psiquiatra e psicoanalista Luis Ferrer i Balsebre. Non vou opinar como pedagoga senón como muller.
Ao meu parecer, do artigo dedúcese que non se pode civilizar a sexualidade humana así en singular. Ou sexa, que para Luis Ferrer a sexualidade está fóra da civilización e é única en todo tempo e lugar. Sospeito que a sitúa nalgunha caverna do instinto animal ou do determinismo de certo psicanálise. Non sei, entón como explica as enormes diferenzas entre a sexualidade dos inuit, poño por caso, e a sexualidade franquista. Ou as diferenzas interindividuais entre persoas do mesmo xénero. Por non falar da falla de definición do termo civilización.
O máis abraiante da opinión de Luis Ferrer é comparar o fenómeno do destape dos 80 -após unha longa noite de pedra tamén sexual-, cun berro de liberdade femenina que todos celebramos. Nin se decata que os exemplos de destape que enumera no artigo son todos de mulleres. A case medio século vista, non comprende este psiquiatra que o destape dos 80 en España, máis que liberación da muller, supuxo un boom da pornografía machista que tanto dano fixo en homes e mulleres pola súa función educadora dun tipo de sexualidade de cuxos froitos temos colleitado dabondo hoxendía. Acaso a limitación do corpo a mero obxecto sexual de consumo (maiormente de homes) non agravou todas as conductas violentas actuais? É qué ese destape case exclusivamente feminino non perpetuou a dobre moral da que viñamos? Non era un xeito de facilitar o consumo que satisfacía só o desexo masculino e a caixa rexistradora dun negocio fabuloso?. E con iso non se estava preparando á sociedade a perpetuar a muller-obxecto tamén fóra do leito conxugal? Non espalancava as portas ao exhibicionismo fornecido logo no mundo virtual?.
Parece que o opinador non ten por conducta machista que a unha muller, só a unha muller, se lle pergunte nos medios de masas se durme con pixama ou con roupa sexi porque seica isto resta aire de liberdade ao mundo cultural. Parece que o ministerio de Igualdade (co que teño bastantes discrepancias noutros temas) non deve meterse con Youtubers cando fomentan conductas machistas e teñen milleiros de adolescentes seguidores. Dende cando reprender ou lexislar unha conducta machista é violar as liberdades?.
De todos os xeitos, o máis obsceno deste artigo semella interpretar a última campaña do 25N da Xunta de Galicia, si, a da moza correndo coas mallas deportivas (a quen se lle ocorre!) cunha mensaxe informativa de mera precaución. Di o psiquiatra que é comparavel aos avisos contra os roubos nos aeroportos. Supoño que a ideoloxía propia non ten nada a ver coa ciencia da psiquiatría, mais eu como muller síntome agredida cando nada menos que quen preside a Asociación Galega de Saúde Mental e pertence a Asociación de Terapia Familiar de Galiza, compara o roubo da propiedade coa violencia machista. (Non será o subconsciente que ten por propiedade o corpo das mulleres?).
Alguén poderá acreditar en que as institucións estean para informar ou alertar á precaución. Se así fora o caso, por que non informar e alertar aos violentos potenciais e non ás súas víctimas?.
Confeso que mete medo que un profesional da mente humana fale de emocións ingovernaveis como a luxuria, a atracción fatal, os ciumes ou a violencia. Parece que estamos determinados ás pulsións destrutivas desprezando o poder da educación e do control social.
O broche final do artigo é de tal grao de obscenidad e dun machismo tan cruel que nos fai subir as pulsacións e fainos duvidar de se algunha vez saímos dos valores franquistas. Di así:
Es más real alertar de los riesgos que tiene vivir en sociedad que reivindicar llegar de noche a casa, sola y borracha. Que se lo pregunten al Chicle.
Alén da falla de respecto á familia de Diana Quer -asasinada en agosto de 2016 na Pobra do Caramiñal- e á súa memoria, non é isto unha chamada á volta á minoría de idade das mulleres? Que vai ser o seguinte, que fiquemos na casa polo noso ben? Non sabe este psiquiatra de terapia familiar que na casa, entre o círculo dos achegados é onde máis violencia machista se comete?
Señor Ferrer, mudar esta estrutura social violenta contra as mulleres é o noso principio do desexo para que algún día as nosas fillas ou netas o teñan por principio de realidade.
IOLANDA TEIXEIRO REI
FERROL