(CONTÉN SPOILERS)
Este filme trata sobre a explotación dunhas minas galegas de wolframio polos nazis nos anos corenta e o intento de sabotaxe por algúns afíns aos países aliados. Pero tamén da historia de Manuela, madre solteira e por riba medio meiga. E das miserias humanas. E do medo. E do sacrificio. E das lendas galegas que tan ben quedan debuxadas na gran pantalla.
É certo que estamos ante un filme un tanto diluído no que á realización lle falta un pouco de ritmo, pero tendo en conta que se trata do primeiro traballo para a gran pantalla deste director cumpre perfectamente.
Simón Casal demostra coñecer ben iso que conta, fainos chegar unha parte da nosa historia interesante (relacionada, como non, coa guerra civil e o franquismo, pero bastante descoñecida ao fin e ao cabo) e a cal conta, ademais, cunha ambientación que nos traslada de veras á época e con varios elementos que a fan gustosa para pasar un rato entretido e proveitoso.
Lobos sucios atrapa ao espectador e posúe escenas realmente boas. Cando as personaxes de Manuela Vellés e Sabela Arán (a cal interpreta un papel curto pero intenso) van roubar wolframio e explota unha bomba que lles tiran outros saqueadores, a interpretación é realmente convincente. Sabela Arán demostra que cun papel pequeno tamén se pode facer unha gran actuación. Por outra parte, Manuela Vellés, xunto a Carmen Abarca métense nas súas personaxes ata as entrañas sen facer dubidar ao espectador en ningún momento, dotando á película dunha interpretación esplendida. Pero os actores masculinos tampouco quedan atrás, destacando especialmente Ricardo de Barreiro cun papel secundario que namora pola súa forza.
O peor: caer nos maniqueos máis comúns, o avance da historia a saltos e certos elementos moi perceptibles. Cando o enxeñeiro nazi lle mira o colgante a Manuela, e despois, escenas máis adiante, esta llo da ao músico preso, o espectador minimamente experimentado xa sabe de seguro que iso vai ser a clave coa que o enxeñeiro se vai sentir enganado por eles e vai intentar destruílos como sexa. O final, aínda que é como o espectador quere que sexa, peca de previsible e cun romance un pouco forzado.
O mellor, sen dúbida, é a actuación intensa e convincente das dúas protagonistas, así como a fotografía de Sergi Gallardo. A aura de sacrificio que desprende toda a historia tamén é un dos seus puntos fortes, todos se sacrifican por alguén, é máis, algúns (por non dicir todos) necesítano para ter unha razón para vivir.