laverca, ou Alondra en castelán (Alauda arvensis) é un pequeno paxaro típico das áreas abertas e agrarias da maior parte de Europa e Asia, onde se atopa ben distribuído. En Galicia distribúese por todo o territorio, ocupando áreas abertas tanto de vexetación natural como zonas agrarias.

cartel ave ano 16 redNos últimos anos a especie estase a rarificar pola desaparición do seu hábitat, as áreas abertas, debido aos cambios acontecidos no territorio dende a segunda metade do século XX, marcados por unha perda da actividade agrogandeira e un incremento da cobertura vexetal. Cómpre lembrar ademais que as lavercas do noroeste peninsular constitúen unha subespecie diferenciada, Alauda arvensis guillelmi, o que lle outorga se cabe mais valor á súa conservación.

A SGO declara a laverca como Ave do Ano 2016 como xenuíno representante da familia dos aláudidos en Galicia, onde se presentan 4 especies. Así, ademais da laverca, están presentes a cotovía pequena (Lullula arborea), a cotovía (Galerida cristata), e a calandriña (Calandrela brachydactila). Todas estas especies habitan en maior ou menor medida áreas con escasa cobertura arbórea e en gran medida vinculadas a áreas abertas e medios agrarios. As súas poboacións están en xeral en declive en Galicia, sendo salientable ademais da laverca, a tendencia da cotovía, cun importante declive sobre todo nas súas poboacións costeiras, e a limitada distribución da calandriña, restrinxida actualmente á comarca da Limia.

De forma xenérica, entre os principais problemas de conservación destas especies poden citarse os seguintes:

  • O abandono da actividade agraria.
  • A reforestación de terreos agrarios con piñeiros e eucaliptos.
  • A perda das extensións de breixeiras e outros matos.
  • A intensificación agraria e os cambios na estrutura e fenoloxía dos cultivos.
  • A perda de hábitats naturais na zona costeira.

Por todo elo este grupo pódese considerar como un indicador do estado de conservación das paisaxes tradicionais, onde os espazos agrarios e áreas abertas conviven harmoniosamente con zonas boscosas e de vexetación natural. O mantemento destas paisaxes é indispensable para asegurar a conservación dos nosos aláudidos e de toda a rica diversidade de especies dos hábitats abertos.