Martiño Noriega, deu conta da addenda pola que se reaxustan as anualidades no financiamento da redacción da revisión do Plan Especial de Protección da Cidade Histórica

Información
;Localidades de Galicia 06 Julio 2015

 1435927468DSC02927A propósito desta modificación, anunciou a intención de garantir na mesma a participación cidadá e de introducir criterios relacionados coas moratoria de licenzas para hoteis con encanto ou coa limitación de usos no casco histórico. Noriega indicou que se están mantendo conversas coa empresa adxudicataria da redacción do Plan sobre cuestións como o ritmo dos traballos ou a garantía da participación veciñal, unha cuestión que, segundo dixo, "non está moi especificada". Tamén é intención do Goberno municipal introducir nestes traballos criterios programáticos xa manifestados, como a moratoria na concesión de licenzas para os chamados hoteis con encanto.
Outra das cuestións a abordar é a da limitación de usos no casco histórico. Neste sentido, aposta pola figura normativa das "zonas de saturación" para regular "a proliferación de grandes cadeas de recordos" e impedir que a zona histórica se converta nun "parque temático". Fronte a isto, quere "recuperar un modelo propio que diversifique e que aposte polo comercio local" e que "revitalice" o casco histórico.
O alcalde referiuse a estas cuestións a propósito da toma en coñecemento da addenda número 2 ao convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Santiago para o financiamento da redacción da revisión do Plan Especial de Protección da Cidade Histórica. As cantidades, a partes iguais entre as dúas institucións, quedan agora distribuídas do seguinte xeito: 172.000 euros en 2015, 132.000 euros en 2016 e 85.900 euros en 2017. Isto supón unha achega total de 389.900 euros.
Mantemento no casco histórico Tamén nesta sesión da Xunta de Goberno adxudicouse o servizo de mantemento e reparación de varandas, eliminación de mobiliario en desuso, limpeza e eliminación de graffitis e limpeza e repintado de placas con nome de rúas e monumentos no ámbito da cidade histórica, por un importe de 33.050 euros máis IVE máis unha porcentaxe de baixa a aplicar sobre o cadro de prezos unitarios do 5,5%. As actuacións a desenvolver finalizaranse durante o ano 2015 e, en todo caso, ao esgotar a cantidade máxima orzamentada.
Casa da Xuventude A preguntas dos xornalistas, o alcalde reiterou a decisión do Goberno municipal de non derrubar a Casa da Xuventude, medida agora avalada por unha suspensión cautelar á espera de que se resolva un procedemento xudicial. En calquera caso, Noriega aposta por "conectar a cidade histórica co parque de Belvís sen derrubar o edificio e cun menor custo". Apuntou que se falará coa empresa adxudicataria das obras de derrubo para "buscar a solución menos gravosa para o Concello" e que, en paralelo, se está traballando na recuperación da titularidade municipal da Casa da Xuventude, aínda non realizada.
Paso inferior de Conxo Finalmente, Noriega falou sobre a reunión mantida cos veciños de Conxo a propósito das obras do paso inferior. Unha das peticións veciñais é a de habilitar un espazo de estacionamento na zona destinada ao futuro centro de saúde de Conxo mentres duren as obras. Sobre este aspecto, o alcalde indicou que haberá que constatar primeiro coa Consellería de Sanidade se existe esa posibilidade nun terreo xa cedido para un centro sanitario comprometido dende o 2010.
Tamén sobre este tema, estase pendente dunha reunión a vindeira semana co máximo responsable de Fomento en Galicia a fin de clarificar aspectos como os prazos das obras ou a demanda veciñal dunha "humanización" da glorieta en superficie.

Documentos relacionados