Información
7628 votos

Luz verde para a Reparación de viais en Razo, Lema, Noicela, Vilela, Rebordelos, Cances, Goiáns, Sísamo, Oza, Bértoa e Carballo

Información
;Localidades de Galicia 27 Junio 2015
Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

O luns 22 de xuño tivo lugar a primeira Xunta de Goberno Local do novo mandato, a de constitución, na que, ademais de determinarse os seus novos membros (un total de sete máis a presidencia do Alcalde, Evencio Ferrero) e a delegación de competencias, tamén se aprobaron outros asuntos de interese. O máis relevante foi a adxudicación do contrato administrativo de obras de "Reparación dos viais secundarios do Concello de Carballo nas parroquias de Razo, Noicela, Vilela, Rebordelos, Cances, Goiáns, Sísamo, Oza, Bértoa e Carballo". A empresa adxudicataria será Construcciones López Cao SL, no prezo ofertado de 113.982 euros sobre un orzamento de licitación de 129.981,35 euros. O prazo de execución previsto é de tres meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de reformulo. No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato de "Subministro da sinalización turística no núcleo urbano de Carballo", que recaeu na empresa Tevaseñal SA por un importe de 20.802,27 euros. A adxudicataria reduce en 25 días o prazo de subministro. amplía en 60 meses o prazo de garantía até os 120 meses e aumenta o número de unidades estipuladas para a sinalización por un valor sen custe adicional para o Concello de 7.883,15 euros. Por último, no que se refire a contratación, a Xunta de Goberno aprobou a modificación do contrato administrativo de "Mantemento e conservación dos ascensores do Concello de Carballo" para aprobar unha prórroga dun ano no prazo do contrato.

Respecto dos novos integrantes da Xunta de Goberno Local, o órgano de goberno estará presidido polo Alcalde, Evencio Ferrero, e estará integrado por sete concelleiros que exercerán de vogais e que se relacionan a continuación:

  • María Belén Lendoiro Esmorís, Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira delegada das áreas de Facenda, Patrimonio, Persoal e Réxime Interior
  • Milagros Lantes Seara, Segunda Tenente de Alcalde e Concelleira delegada das áreas de Planificación e Mobilidade Urbana, Contratación e Seguridade Cidadá
  • Xosé Regueira Varela, Terceiro Tenente de Alcalde e Concelleiro delegado das áreas de Promoción Económica
  • Luís María Lamas Álvarez, Cuarto Tenente de Alcalde e Concelleiro delegado das áreas de Obras e Servizos
  • María Carmen Ures García, Quinta Tenente de Alcalde e Concelleira delegada das áreas de Igualdade e Benestar
  • María Mar Eirís Villar, Sexta Tenente de Alcalde e Concelleira delegada das áreas de Educación e Festas

A Xunta de Goberno Local celebrará sesión ordinaria cada dúas semanas a partir do luns 22 de xuño de 2015, ás 13.30 horas, na Sala de Comisións da Casa Consistorial do Concello de Carballo. No horario de verán do 15 de xuño ao 1 de setembro, salvo modificación posterior, as sesións ordinarias celebraranse ás 13.00 horas. No caso de que o día sinalado para a sesión ordinaria coincida en día festivo, trasladarase a mesma, co mesmo carácter ordinario, para o primeiro día hábil seguinte. Por último, hai que mencionar que a sesión constitutiva do luns 22 de xuño supuxo a aprobación de catro vaos permanentes e de dúas licenzas de obra.