Información
9556 votos

No concello da Laracha dispómos de solo industrial, dun Parque Empresarial da sociedade estatal SEA, da que debemos demandar unha rebaixa dos prezos das parcelas para que sexan máis accesíbeis

Información
;Localidades de Galicia 23 Junio 2015
Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Xoán Manoel Sande Muñiz, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello da Laracha, ao abeiro do Regulamento de Organización e Funcionamento das Entidades Locais, presenta para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario da Corporación a seguinte MOCIÓN:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O desemprego é a dia de hoxe un dos principais problemas da nosa sociedade, cunhas inaceptábeis taxas superiores ao 20% da poboación activa sen emprego. Por iso, desde o BNG entendemos que teñen que ser unha prioridade para calquera goberno todo tipo de medidas que poidan favorecer a actividade económica e a creación de emprego, tamén do goberno municipal dentro das súas limitadas competencias.

No concello da Laracha dispómos de solo industrial, dun Parque Empresarial da sociedade estatal SEA, da que debemos demandar unha rebaixa dos prezos das parcelas para que sexan máis accesíbeis ás persoas que desexen emprender unha actividade económica, e polo tanto poidamos atraer empresas a uns terreos que hoxe están practivamente a toxos e silvas ou para facer algunha festa. Desde o BNG xa atemos presentado iniciativas no Congreso dos deputados instando á sociedade estatal SEA a rebaixar o prezo do metro cadrado, para equiparalo cando menos cos prezos dos parques de XESTUR.

Mais desde o BNG consideramos que o goberno municipal pode tomar algunha iniciativa para favorecer a implantación de empresas, en concreto para poñer a disposición das persoas emprendedoras algunhas naves nas que poder iniciar a súa actividade sen ter que afrontar primeiro o elevado custo de mercar unha parcela e construír unha nave, podendo acceder a naves do concello coas condicións que se establezan, durante algún tempo. Entendemos que este debe ser un dos obxectivos prioritarios do goberno municipal, para o que se deben buscar todos os recursos e mesmo poñer recursos propios se é necesario, dentro das capacidades dun concello do que presume o goberno municipal que está saneado.

É por iso que desde o Grupo Municipal do BNG sometemos á Corporación en Pleno a adopción do seguinte

ACORDO

A Corporación Municipal da Laracha en Pleno Insta ao goberno municipal a abordar de xeito prioritario a dotación dun Viveiro de Empresas no Parque Empresarial da Laracha.

A Laracha, 23 de xuño de 2015

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz,

Portavoz do Grupo Municipal do BNG da Laracha