O Concello de Santiago mantense firme na reivindicación da necesidade da estación intermodal para a cidade

Información
;Localidades de Galicia 20 Julio 2015
  • Este mediodía o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, xunto co concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, reuniuse en Madrid co director xeral de ADIF, Javier Gallego, e coa secretaria do consello do ente, Alicia Portas.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2015-.. A xuntanza foi realizada por petición do actual goberno de Compostela coa intención de interesarse pola situación do proxecto de reforma da estación impulsado, a menos de dous meses das eleccións, pola anterior corporación presidida por Agustín Hernández.

O alcalde transmitiulle aos responsábeis do ADIF “a necesidade de que Santiago teña as suficientes garantías de que o que se está tentando levar adiante non sexa un parche e unha excusa para despois non acometer un deseño integral do espazo que actualmente ten un uso ferroviario”. Para Noriega “o proxecto da intermodal non se limita só aos usos ferroviarios e vai mais aló”, trátase “de rematar unha peza urbana de grande importancia que ten que funcionar como a conexión entre o Ensanche a Pontepedriña e as Brañas do Sar, ademais de ser o centro organizador de toda a mobilidade da nosa área metropolitana”.

Petición de garantías ao ADIF

Despois do encontro, Noriega manifestou que “ficamos coa sensación de que o goberno anterior non quixo ou non puido conseguir as garantías de o proxecto vaia alén das solucións ferroviarias” polo que “mantemos a nosa preocupación porque a posición institucional de Santiago ficou comprometida, aínda que conservamos a esperanza de que os traballos de adaptación ferroviaria poidan ser integrados nunha solución global que teña en conta tamén as necesidades arquitectónicas e de mobilidade”.

É por todo isto que o alcalde se reafirmou no empeño da corporación actual en liderar “a xusta reivindicación de procurar as vías de intermodalidade que permitan levar adiante esta obra e que ademais cumpra co papel central que debe ter no deseño urbano do Santiago do futuro”. Dentro desta liña anunciou “que voltaremos a procurar a interlocución co Ministerio, coa Xunta, coa sociedade civil e con todas as persoas e institucións implicadas co obxectivo de conseguirmos a intermodal o antes posíbel”.