Adxudicados os contratos de limpeza, desbroce e mantemento de cunetas e de mantemento de espazos urbanos de Carballo

Información
;Localidades de Galicia 20 Julio 2015

1437399064anllons webA Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de adxudicar os contratos administrativos de servizos de "Mantemento de espazos urbanos do Concello de Carballo" e de "Limpeza, desbroce e mantemento de cunetas dos viais das parroquias de Carballo" por un importe total de 85.889 euros. No primeiro caso, o prezo de adxudicación é de 33.859 euros e o prazo de execución dun ano, sen posibilidade de prórroga. O máximo de horas de traballo manual será de 580 horas; e o máximo de horas de traballo mecánico será de 1.150. No caso da limpeza e mantemento de cunetas, o prezo de adxudicación é de 52.030 euros, cun prazo de execución da limpeza dun máximo de dous meses e unha prestación do servizo de mantemento por un prazo de cinco meses. No apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato de servizos de "Asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo", por un importe de 24.596,88 euros e un prazo de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais previo acordo das partes. O contrato inclúe, ademais da asesoría, o desenvolvemento de tres cursos formativos de oito horas en materia de igualdade, violencia de xénero e igualdade laboral. No apartado de subvencións, recibiron luz verde as concesións de tres subvencións, a relativa a particulares para Campamentos de Verán 2015; e, fóra da orde do día, a subvención para a realización de viaxes escolares 2015 e as subvencións para a realización anual do programa de actividades culturais das ANPAs 2015, todas por un total de 14.807,25 euros. As subvencións a particulares para campamentos de verán 2015 beneficiarán a 49 persoas -as que teñen superado a puntuación suficiente para ter dereito ás axudas- e teñen un importe total de 2.892,25 euros. No caso das axudas para a realización de viaxes escolares 2015, beneficiaranse trece centros de ensino, incluíndo escolas unitarias, CEIP, IES ou colexios do municipio, por un importe de 6.315 euros. Por último, a Xunta de Goberno adxudicou as subvencións para a realización do programa anual de actividades culturais das Asociacións de Nais e Pais dos centros de ensino de Carballo. Beneficiaranse oito entidades por un importe total de 5.600 euros. No apartado de cultura, a sesión tamén supuxo a aprobación dun Convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para levar a cabo o programa de actuacións do segundo semestre de 2015. Así mesmo, aprobouse o gasto para a programación do segundo semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Por último, a sesión supuxo a aprobación dunha licenza de obra; dunha licenza de primeira ocupación; e de dúas segregacións de parcelas.