Información
8189 votos

O nacionalista Evencio Ferrero vén de ser proclamado de novo Alcalde de Carballo co apoio dos once concelleiros do BNG

Información
;Localidades de Galicia 14 Junio 2015
Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

13/06/2015 O líder do BNG e Alcalde de Carballo durante os últimos doce anos, Evencio Ferrero, resultou hoxe reelixido no seu cargo na sesión plenaria de constitución e toma de posesión da nova corporación celebrada ás 12.00 horas na Casa do Concello. A quenda de votacións saldouse co apoio para Evencio Ferrero dos once concelleiros do BNG, que obtiveron a maioría absoluta nos comicios celebrados o 24 de maio. Así mesmo José Bello Pallas, de TEGA, contou co apoio dos tres concelleiros do seu grupo; María del Carmen Vila co dos dous integrantes do PSOE; e os cinco concelleiros do PP votaron en branco, segundo explicou o seu líder, Miguel Ferreiro, por manter a vontade do grupo de facilitar o goberno da listaxe máis votada, neste caso, a do BNG. A mesa de idade da sesión foi constituída polos concelleiros electos de maior e menor idade, neste caso os dous representantes de TEGA, José Bello Pallas e Estefanía Canosa, actuando o primeiro como o presidente da mesa e sendo o encargado de tomar xuramento ou promesa aos concelleiros electos e de presidir a elección do novo Alcalde. Hai que subliñar que hai oito novas caras na recén constituída corporación, dúas por cada un dos grupos con representación. No BNG chegan Maica Ures e Miguel Ángel Vales; no PP Ana María Casais e Héctor García Andrade; en TEGA José Bello Pallas e Andrés Eirís; e no PSOE María del Carmen Vila e Valentín Costa. O recén elixido Alcalde tamén deu a coñecer despois da sesión as delegacións de Alcaldía, así como o nomeamento de Belén Lendoiro como 1ª Tenente de Alcalde en substitución de Milagros Lantes, que será 2ª Tenente de Alcalde.

Distribución das áreas de goberno

Amplíanse aínda máis as tenencias que serán ocupadas, ademais de por Lendoiro e Lantes, por esta orde, por Xosé Regueira (3ª), Luís Lamas (4ª), Maica Ures (5ª) e Mar Eirís (6ª). Así mesmo, as delegacións de Goberno que rexerán as competencias do Concello durante os próximo catro anos serán as seguintes: Belén Lendoiro Esmorís, ademais de 1ª Tenente de Alcalde, continuará xestionando as áreas de Facenda e Patrimonio, e incorpora Persoal e Réxime Interior (estas dúas últimas até o de agora en mans de Xosé Regueira). Xosé Regueira Varela continuará coa área de Promoción Económica (incluíndo industria, comercio, turismo, formación e emprego, feiras e mercados, estas dúas últimas áreas até o de agora en mans de Marcos Trigo e Milagros Lantes, respectivamente). Milagros Lantes Seara segue con urbanismo, pasando a ser Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Contratación e Seguridade Cidadá; incorpora así, as áreas de tráfico e seguridade que até o de agora levaba Regueira.
Luís Lamas Álvarez continuará coas mesmas funcións que até o de agora, coas áreas de Obras e Servizos, incluíndo alumeado, recollida de lixo, abastecemento, saneamento e depuración, limpeza viaria, cemiterio, parques e xardíns. Maica Ures, nova cara na corporación, levará Igualdade e Benestar, até o de agora en mans de Inés Muíño, ademais de Mocidade e Novas Tecnoloxías (até o de agora en mans de Daniel Pérez). A outra nova cara no goberno, Miguel Ángel Vales Mallo, xestionará Medio Ambiente e Praias, até o de agora en mans de Marcos Trigo. Mar Eirís deixa Cultura, pero mantén Educación e incorpora Festas, os últimos catro anos en mans de Belén Lendoiro. Marcos Trigo Facal continúa como Concelleiro de Deporte e recolle a área de Cultura de mans de Mar Eirís. María del Carmen Regueira Baldomir mantén a súa delegación como Concelleira de Sanidade e Terceira Idade. E, por último, Inés Rodríquez Muíño colle Participación Cidadá, até o de agora xestionado por Belén Lendoiro; e Normalización Lingüística, até o de agora en mans de Xosé Regueira.

As verbas de Evencio Ferrero

A sesión de constitución da nova corporación municipal non estivo exenta de anécdotas. Arredor de 250 persoas ateigaron o salón de plenos para darlle a benvida aos novos corporativos e asistir a reelección de Evencio Ferrero como Alcalde. De novo, como hai catro anos, a mesa de idade estivo conformada por dous membros de TEGA, aínda que neste caso, e trala renuncia de Manuel Andrade á súa acta de concelleiro, tocoulle presidir a José Bello Pallas. Este último tivo comentarios para todos e cada un dos concelleiros e concelleiras, nomeadamente para os do seu grupo cos que espera "formar un bo equipo". Logo de recoller o bastón de mando e dunha longa ovación, o recen proclamado Alcalde, moi tranquilo, comezou o seu discurso e manifestou que, a pesar da maioría, o goberno ten "a man tendida, aberta e sincera" para todos os grupos da corporación.
Desexou que os concelleiros "nunca superemos a liña vermella de entrar en cuestións persoais" animou ao "diálogo e á participación ao conxunto dos membros da corporación", instando tamén ao resto dos grupos a facer "unha oposición construtiva, tendo en conta os intereses de Carballo". Ferrero manifestou a súa vontade de traballar "para todos os carballeses e carballesas" coa arela de conseguir un "Carballo vivo, dinámico e emprendedor". Agradeceu o apoio e cariño de todos os veciños e veciñas, nomeadamente o dos seus compañeiros e compañeiras de partido, e desexou "que veñan catro anos frutíferos e de progreso para todos".

Listaxe con todos os membros da corporación

Nome a nome, a nova corporación carballesa queda constituída como segue: por parte do PSOE, Valentín Costa e María del Carmen Vila; por parte de Terra Galega, José Bello Pallas, Estefanía Canosa e Andrés Eirís; por parte do PP serán Miguel Ángel Ferreiro, Bibiana Bértoa, Belén Insua Trigo, Ana María Casais e Héctor García Andrade; por último, do BNG estarán Evencio Ferrero, Belén Lendoiro, Milagros Lantes, Luís Lamas, Xosé Regueira, Maica Ures, Miguel Ángel Vales, Mar Eirís, Marcos Trigo, María del Carmen Regueira e Inés Rodríguez. O novo Goberno tamén espera ultimar as retribucións e as dedicacións coa maior celeridade posible.
Ademais, está previsto que o 29 de xuño se celebre unha sesión extraordinaria para establecer a organización da nova corporación, estipulándose asuntos como a periodicidade das sesións ordinarias do pleno; a creación e composición das comisións informativas; o nomeamento dos representantes da corporación nos órganos colexiados que sexan da competencia do pleno; a dación de conta oficial por parte do Alcalde dos nomeamentos das tenencias de Alcaldía; a composición da Xunta de Goberno Local; a designación dos presidentes das comisións informativas ou a formalización das delegacións de Alcaldía dadas a coñecer tras o pleno de toma de posesión.
O álbum con todas as imaxes da sesión, no Facebook do Concello, clicando aquí.