Mariña Denuncia o peche dun mínimo de 30 camas no Hospital da Costa este verán pola decisión que obedece só "á política do PP de desmantelar a sanidade pública".

Información
;Denuncias 13 Junio 2015 Sección; Especiales
CIG-Saúde A Mariña vén de denunciar publicamente a intención da Xerencia e da Consellaría de Sanidade de pechar camas no Hospital da Costa durante o verán. Unha decisión que, advirten, carece de calquera xustificación técnica posíbel “e que tan só obedece a unha política sanitaria neoliberal do Partido Popular que busca o desmantelamento da sanidade pública na nosa comarca”.  
CIG-Saúde A Mariña denuncia que co peche de camas previsto para este verán, estanse a “vulnerar gravemente os dereitos dos/as doentes e os dereitos laborais dos/as profesionais das unidades previsiblemente afectadas, que soportan unha total incerteza, xa que a día de hoxe descoñecen o seu destino, a súa xornada, a súa quenda de traballo, o seu mes de vacacións, etc.”.
A decisión non foi comunicado de xeito formal á organización sindical maioritaria no centro mariñao, polo que se descoñece o total de camas que reducirán e a que unidades e profesionais afecta, a pesares de que a central sindical solicitou por escrito e con rexistro de entrada toda a información ao respecto, sen obter resposta a día de hoxe.
Dende a Federación da CIG afírmase que o peche de camas forma parte do conxunto de políticas que o PP está a pór en práctica para desmantelar o sistema sanitario público “en beneficio do gran capital e da medicina privada situada nas grandes cidades; unha ofensiva recentralizadora que afasta, en vez de achegar, a sanidade pública á cidadanía”.
Deterioro da calidade asistencial e aumento das listas de espera
O peche de camas no Hospital da Costa provocará un deterioro da saúde e o incremento das listas de espera cirúrxicas, de consultas e de realización de probas diagnósticas. “Pechar camas e diminuír a actividade non é nin de lonxe unha boa xestión, simplemente é unha medida dun mal xestor que vai privar de asistencia sanitaria programada durante o verán aos mariñaos e mariñás”, advirten.
Máis desemprego no sector sanitario
A maiores, dende a CIG-Saúde denúnciase que co peche de camas e a non substitución do persoal no período vacacional, “o Sergas está a incrementar o paro sanitario da nosa mocidade na comarca, condenando os/as aspirantes das listas de contratación ao drama do desemprego, tendo como consecuencia directa un impacto na economía real desta comarca, porque hai que lembrar que o Hospital da Costa é o segundo centro de emprego da Mariña”.
Por todo isto, a CIG-Saúde A Mariña “esixe á Xerenta Executiva do Hospital da Costa que non se peche ningunha cama e a contratación de persoal para ofrecer unha atención sanitaria de calidade e de proximidade tanto no Hospital da Costa como nos Centros de Saúde e PAC´s da nosa comarca.