Con relación á renovación dos órganos estatutarios pendentes, o secretario xeral dos socialistas galegos considera que “o PP ten ansia para desenvolver o que lle interesa e non tanto o que non lle interesa”
A preguntas dos medios de comunicación, o líder do PSdeG afirmou que “confío plenamente na miña inocencia e estou seguro de que pronto se poñerá fin a esta situación”
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2015. O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez besteiro, demandoulle hoxe en Santiago ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “que se poña as pilas para desenvolver a lei de medios públicos do ano 2011”, que segue sen mandato marco e contempla a profesionalización dos seus órganos de control internos, unha reducción do consello de administración e o nomeamento do director xeral por maioría reforzada.
Tras una reunión no Parlamento con representantes dos traballadores da CRTVG, o líder dos socialistas galegos fixo referencia á renovación dos órganos estatutarios pendentes e manifestou que “o PP ten ansia para desenvolver o que lle interesa e non tanto o que non lle interesa”.
“A situación do ente público é preocupante e temos sen desenvolver una lei do ano 2011, cos problemas que isto provoca nun ente no que o PSdeG cre”, afirmou Besteiro, que lembrou “a caída da audiencia” do medio e os problemas que atravesan moitos dos seus traballadores.
Por outra parte e a preguntas dos medios de comunicación, o secretario xeral do PSdeG apuntou que “confío plenamente na miña inocencia e estou seguro de que pronto se poñerá fin a esta situación”.
“Cumpro co código étigo e sinto o respaldo do partido, son o secretario xeral do PSdeG e actúo como tal, a renuncia a ser neste momento senador por designación autonómica foi persoal e penso que axeitada, pero non se me pasou pola cabeza renunciar á secretaría xeral”, aseverou.
“Confío en que a imputación se levante, é a miña convicción e a miña previsión, falo con convencemento, co corazón pero tamén coa razón”, engadiu Besteiro, que rematou apuntando que “son una persoa extraordinariamente responsable e non boto en falta o apoio de ninguén, recibín moitas mostras de apoio nos últimos días”.