Información
1536 votos

Os veciños e veciñas de Carballo doaron en 2015 máis de 59 toneladas de téxtil usado para a súa reutilización e reciclaxe

Información
;Suplementos 21 Febrero 2016 Sección; Especiales
Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado

Os veciños e veciñas de Carballo doaron un total de 59.257 kg de téxtil usado durante o ano 2015 para a súa reutilización e reciclaxe, unha cifra que representa un aumento do 5 por cento respecto do ano anterior (56.688 kg). Os depósitos realízanse a través dos 12 colectores que a organización non gobernamental Humana Fundación Pueblo para Pueblo ten instalados na capital municipal, nos que a cidadanía deposita a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utiliza e aos que Humana lles dá unha segunda vida. A recollida de téxtil é un servizo gratuíto para o Concello e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos urbanos. A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen á protección do medio ambiente, outorgando unha segunda vida a unha peza que doutra maneira iría parar ao vertedoiro: cada quilo de roupa que se reutiliza e non é incinerado evita a emisión de 3,169 kg de CO2, segundo datos da Comisión Europea. Segundo estes parámetros, as 59 toneladas recollidas o ano pasado en Carballo representan un aforro de 187 toneladas de CO2 á atmosfera. Na delegación de Galicia, Humana dispón de 380 colectores que o ano pasado recolleron 2.171 toneladas de téxtil usado. A nivel global, a Fundación recolleu en España 16.800 toneladas. Na actualidade, a Fundación conta con máis de 800 concellos e 500 empresas colaboradoras en España. As pezas depositadas nos colectores de Humana teñen dous destinos: unha parte envíase ás plantas de clasificación (en Madrid, Barcelona ou Selecta) e o resto véndese a empresas de reciclaxe. As pezas enviadas ás plantas distribúense así:

  • O 59 por cento prepárase para a reutilización. Desta porcentaxe, o 14 por cento destínase á tendas de segunda man; e o 45 por cento restante expórtase a África para ser vendida a prezos baixos a comerciantes locais coa fin de satisfacer a demanda destes países, impulsar a actividade económica local e xerar recursos para o desenvolvemento.
  • O 35 por cento destínase a reciclaxe.
  • O 2 por cento a valorización enerxética.
  • O 4 por cento a tratamento final (centro de tratamento de residuos).

Humana sinala que cada vez hai máis consciencia dos beneficios ambientais e sociais que representa a correcta xestión de residuos téxtiles. Dende a ONG manifestan o seu agradecemento aos cidadáns e cidadás polas súas doazóns e subliñan que detrás de cada colector hai un traballo intenso de preparación para a reutilización, coa finalidade de alargar a vida útil das pezas e dar un fin social á roupa usada. Todos os recursos xerados coa actividade de recollida e valorización da roupa en España dedícanse á fin social da organización. Grazas a iso, entre 2010 e 2014 destináronse 9,3 millóns de euros a proxectos de educación e agricultura en África, América Latina e Asia.

Sobre Humana

Humana é unha organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de axuda social en España. A organización dispón de 5.200 colectores para a recollida de roupa e calzado nas principais cidades españolas.
Humana dispón de 37 tendas de venda de roupa de segunda man en Madrid (18), Barcelona (15), Sevilla (2) e Selecta (2) que xeran os recursos necesarios para o financiamento dos programas de cooperación. A Fundación leva a cabo campañas de sensibilización ao redor da importancia da reutilización e a reciclaxe téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur. Humana conta actualmente con 420 empregados e forma parte da Federación Humana People to People, que agrupa a organizacións de 32 países.

campana_de_propinas