O grupo de “Mulleres Diversas” nace no ano 2016 dun grupo de mulleres pertencentes á asociación Amizade e que ten como misión o empoderamento das mulleres, especialmente das mulleres con discapacidade.
Este ano o grupo lanza un video no cal pon de manifesto as dificultades das mulleres con discapacidade no medio rural. Nel pódese ver como Rosa, vaise atopando con varios obstáculos e problemas de accesibilidade para acudir á perruquería máis cercana.
No medio rural atópanse con máis dificultades de accesibilidade nas infraestructuras, menor oferta cultural e de ocio, falta de accesibilidade á tecnoloxía, e máis dificultades nos transportes públicos que se fai notar pola menor frecuencia do paso dos autobuses e no menor número de prazas para persoas con mobilidade reducida, entre outras.
Destacar tamén a dificultade que supón a burocracia dixital obrigatoria. Pois moitos procedementos que anteriormente se podían realizar presencialmente, agora teñen unha obrigatoriedade de presentación por medios dixitais. Para persoas con menor capacidade de recursos, que non dispoñen de internet porque na súa zona non hai cobertura ou persoas con dificultades cognitivas que non poden realizar estes procedementos sen apoio porque tampouco son accesibles, faise imposible poder acceder aos recursos en igualdade de condicións.
Segundo os últimos datos do INE (Instituto Nacional de Estatística) constan 125.030 mulleres con discapacidade en Galicia. Mais da metade destas mulleres teñen discapacidade física, seguida por discapacidade intelectual e sensorial.
Polo tanto, estas mulleres teñen limitadas as súas posibilidades reais de participación a nivel global (emprego, ocio, saude, cultura, entre outras).