Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

O

Comité Nacional de UGT-Galicia -máximo órgano de dirección do Sindicato entre congresos e do que forman parte máis de 80 membros en representación das federacións de nacionalidade, das unións comarcais e da propia Executiva de UGT-Galicia- reuniuse hoxe en Santiago. Nesta xuntanza aprobrouse unha declaración na que se apunta á necesidade de consolidar un pacto para rescatar á cidadanía galega vítima de oito anos de crise e seis de intensos recortes porque, do contrario, córrese o risco de caer nunha fonda fractura social.

O Comité constatou que en España e en Galicia, tras oito anos de intensa crise e seis de políticas de austeridade extrema que deterioraron o estándar de vida de millóns de familias, a maioría da cidadanía anhela un cambio de rumbo que teña como resultado unha mellora da súa situación económica, unha recuperación de dereitos laborais e das liberdades cidadás e un fortalecemento do estado de benestar e dos servizos públicos esenciais.

 

Para o Comité Nacional, a nova situación política en España e en Galicia ven marcada pola necesidade de acordos políticos e sociais. É preciso mudar o rumbo, non é posible continuar con políticas sociais e económicas centradas na mera redución de gastos, que non teñen en conta as súas consecuencias sobre as condicións de vida da poboación traballadora e a sociedade en xeral.

Por iso, o Comité Nacional de UGT-Galicia advirte que os gobernos deben abrir un proceso de diálogo social sen demora pero, tanto no eido do Estado como en Galicia, a cidadanía ten que ser consciente de que, para recuperar dereitos e avanzar, haberá que recorrer á mobilización, se non se abren espazos de diálogo concretos.

UGT non se vai resignar a que non se repartan parte dos beneficios que se están xerando, hai crecemento pero non hai redistribución. Por iso, se non se abren os espazos de diálogo demandados con resultados tanxibles, o Sindicato continuará cos procesos de mobilizacións indefinidas e crecentes que poderían configurar un posible escensario de folga xeral.

ANÁLISE SOCIOLABORAL DE GALICIA

Se ben é certo que en Galicia os datos da Contabilidade relativos ao terceiro trimestre do ano 2016, amosan un crecemento do 3,3% do PIB en termos interanuais e que no terceiro trimestre deste ano hai un crecemento do emprego, con respecto ao trimestre, medra o 2,3% o emprego total e un 3,3% o asalariado, tamén o é que dende o comezo da crise perdéronse preto de 160.000 empregos na nosa comunidade. Por sectores, a caída da ocupación entre 2008 e a actualidade é brutal. Na construción diminúe o 46%, na industria o 23%, no agropesqueiro o 28% e nos servizos o 3%.

A pesar dos repuntes deste ano, as cifras de ocupación seguen evidenciando un retroceso que nos leva ás estadísticas de finais do ano 2002, hai na actualidade 1.057.900 empregos (non hai que esquecer que en Galicia chegamos antes da crise á cifra dun millón douscentos quince mil empregos).

Cos datos da EPA, comprobamos que unha sexta parte da poboación activa está no desemprego, unha media de 220.000 persoas no desemprego. Pero o máis preocupante é o desemprego de longa duración, o que evidencia a ausencia de oportunidades do mercado laboral, 122.800 persoas desempregadas levan máis dun ano no paro e deles, 92.500, levan máis de dous anos. E a isto hai que engadirlle 21.400 parados e paradas que buscan o seu primeiro emprego e que por non atopalo só lles queda unha saída, a emigración.

Por outro lado, a precariedade dos fogares galegos é manifesta, os fogares nos que todos os seus membros activos están en situación de desemprego son 72.100. O primeiro dato que publicou o IGE foi o do terceiro trimestre do ano 2009, xa en crise económica, e nese trimestre os fogares nesta situación eran case a metade, 44.800.

Fronte a isto, a taxa de cobertura por desemprego experimenta unha caída continua. No 2011 a taxa de cobertura superaba o 70%. Na actualidade esta é de tan só o 52,5% e, ademais, de carácter maioritariamente asistencial, co que podemos facernos unha idea dos baixos ingresos que está a percibir a cidadanía galega no desemprego. A isto hai que engadir que en Galicia máis de 105.495 persoas desempregadas, 52 de cada cen parados e paradas, non cobran ningún tipo de prestación e hai 34.800 fogares nos que non hai perceptores de ingresos. Isto leva a que cada vez o risco de exclusión social se amplíe a un maior número de persoas.

O balance da crise tamén é claro no referente á distribución das rendas, favorecendo ao empresariado e prexudicando aos traballadores asalariados. A remuneración do persoal asalariado en Galicia perde peso con respecto ao total de renda xerada na comunidade, ao pasar do 46,9% do total en 2008 ao 43,6% no segundo trimestre de 2016 (últimos datos dispoñibles). Isto sucede, basicamente, pola perda de emprego e a contención salarial. Pola contra, o empresariado, curiosamente nunha etapa de crise, gañou máis, a súa renda pasa de representar o 45% en 2008 ao 46,5% no segundo trimestre de 2016.

Con este escenario, está claro que o deterioro da calidade de vida da cidadanía é cada vez maior, así, a taxa de risco de pobreza ou exclusión social (estratexia Europa 2020) en Galicia é do 25,7% da poboación (dato INE: Enquisa de condicións de vida 2015).

Pero non só hai desigualdade entre traballo e capital, senón que dentro dos asalariados e asalariadas prodúcese un incremento daqueles que perciben menores salarios, caída dos salarios medios, e aumento das persoas asalariadas con maior remuneración. 310.093 asalariados galegos (o 31,2% do total) teñen un salario medio inferior ou igual ao SMI (dato AEAT 2015).

ANÁLISE ORZAMENTOS XUNTA

Neste contexto, os Orzamentos da Comunidade autónoma seguen na senda da supeditación ás esixencias financeiras. A débeda acumulada da nosa Comunidade achégase ao máximo, 10.727 millóns de euros. Cando chegou, en marzo de 2009 o Goberno do PP a débeda era de preto de 4.000 millóns de euros. Isto condiciona calquera deseño de orzamento, xa que hai que afrontar os custos desa débeda (intereses e amortizacións). No ano 2009 afrontar estes custos representaba o 3.3% do total orzamentario, para o 2017 supón nada menos que o 17%, o que implica recortar recursos a disposición da actividade económica, do emprego e da sociedade en xeral.

Novamente, deséñase un teito de gasto non financeiro, fixado en 9.063 millóns de euros. O Comité Nacional entende que esta liña tería que vir acompañada dun chan de gasto mínimo que preserve o estado de benestar e contrarreste a incerteza introducida cos teitos de gastos non financeiros; a tranquilidade dos mercados financeiros non pode deixar de lado a contribuíntes e persoas beneficiarias destes orzamentos, á cidadanía galega.

Aínda que o orzamento destinado a emprego medra o 15,3% con respecto ao ano anterior, non recuperou os valores previos á crise. Se no ano 2008 o orzamento para esta función era de 378,7 millóns de euros, para o ano 2017 é de 241,9 millóns de euros. E comparando eses dous períodos hai 160.000 empregos menos e 96.400 desempregados máis. O orzamento en emprego, con respecto ao máximo que houbo no ano 2009, contráense nun 42% os recursos, mentres que hai un 28% máis de persoas desempregadas.

A Xunta, tal como vimos demandando, debería dar un xiro cara uns orzamentos baseados nunha fiscalidade progresiva, cara un sostido crecemento económico e do emprego, apoiando aos nosos sectores produtivos, apostando pola revitalizando industrial, o naval a industria electrointensiva e non deixando ó pairo dos mercados a sectores como o agrogandeiro e o pesqueiro. Defendemos un estado do benestar na actualidade ameazado, cara unha protección social que garanta unha sociedade cohesionada, cara a garantía do emprego público e de calidade e cara un modelo económico máis tecnolóxico e con máis valor engadido, acabar co déficit histórico en I+D+i, que permita superar os déficits estruturais da nosa economía e para que a nosa industria sexa máis competitiva.

O Sindicato continuará vixiante para que, coa escusa do cumprimento dos obxectivos de déficit, non se desmantelen ou deterioren aínda máis os nosos servizos públicos.

Para UGT, é prioritario recompor a sociedade rescatando ás persoas dos tremendos danos sociais ocasionados por máis de oito anos de intensa crise e por seis anos de políticas de recortes e de desmantelamento dos sistemas públicos esenciais. O crecemento económico non logrará iso por si só. Necesítase unha acción decidida dos poderes públicos para reparar os danos ocasionados. Isto require dun pacto que expoña este rescate de maneira extensa e coordinada, que afecte a toda a protección social do noso país, que se deteriorou de maneira moi preocupante e podería desembocar en fractura social se non se actúa con urxencia.

UGT lembra que o noso país necesita, de maneira prioritaria e urxente, actuacións para crear emprego con dereitos, para mellorar o sistema de protección social e combater a pobreza crecente mesmo entre a poboación traballadora.

PRIORIDADE, RESCATAR ÁS PERSOAS. DEMANDAS E PROPOSTAS DE UGT-GALICIA

En liña cos documentos “20 actuacións urxentes polo progreso e o benestar social” e “Balance da lexislatura en Galicia e propostas de UGT e CCOO”, que elaboramos conxuntamente, expuxemos aos novos gobernos e aos grupos parlamentarios unha serie de medidas que consideramos imprescindibles para solucionar os problemas laborais e sociais máis graves do noso país, que son os da maioría da sociedade e que afectan a todos os ámbitos esenciais que conforman a nosa realidade social, económica e laboral.

Na nosa Comunidade, o Comité Nacional, en liña co documento presentado a todos os partidos políticos nas pasadas eleccións autonómicas, reclama un cambio das políticas económicas para consolidar un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, así como a diminución das desigualdades.

Para isto, UGT-Galicia demanda unhas contas públicas ao servizo das persoas. A Xunta de Galicia debe renunciar ó austericidio e utilizar a nosa autonomía fiscal para incrementar os ingresos pero de maneira máis xusta e equitativa que a recollida nos orzamentos. Para iso, sería preciso subir os tipos impositivos para os tramos de renda máis altos, crear novos tributos e reducir as deducións actuais como fórmula de mellorar a sostenibilidade das contas públicas e non actuar só sobre os gastos públicos.

Debería, ademais, derrogar a Lei de Disciplina Orzamentaria, que limita o teito de gasto e obriga a destinar os ingresos a reducir a débeda, e recoñecer un chan de gasto social, que permita o mantemento de niveis de protección suficientes en servizos públicos esenciais.

É fundamental reforzar a dotación orzamentaria e unha correcta asignación e xestión en dúas áreas prioritarias: investimentos e preservación e reforzamento do sistema de protección social e a prestación de servizos públicos de calidade, ampliando a protección social e os servizos sociais.

Ademais, o Goberno galego deberá manter unha actitude máis firme ante o Goberno de España votando en contra da inxusta distribución do déficit público entre as diferentes administracións e esixindo un novo sistema de financiamento autonómico para recuperar os ingresos perdidos nos últimos anos.

En materia de emprego é preciso un cambio nas políticas de emprego e apostar por un plan de emprego negociado, vinculado tanto ao crecemento como á cobertura das necesidades sociais que debe ter como obxectivo dar oportunidades de emprego aos colectivos con máis dificultades. Un plan de actuación para estes colectivos, con recursos adecuados, posta en marcha de políticas baseadas en itinerarios personalizados de asesoramento, orientación e formación para mellorar a cualificación, co fin de aumentar a empregabilidade.

Tamén urxe restablecer e incrementar as prestacións sociais e unha das pezas fundamentais é a Prestación de ingresos mínimos que amplíe a acción protectora da Seguridade Social e garanta uns ingresos que aseguren unhas condicións básicas. UGT e CCOO presentamos conxuntamente unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento para promover a introdución de dita prestación. En Galicia estimamos que podería beneficiar ao redor de 90.000 persoas.

Isto é complementario coa Renda de inclusión social de Galicia que debe dotarse de recursos suficientes para atender ás persoas que se atopan en situación de necesidade.

É preciso conquerir a universalización da protección social, regulando os servizos sociais como dereitos básicos á protección ante situacións de desvantaxe, á protección das situacións de dependencia, á protección da infancia e á adolescencia e á situación de risco e desamparo, en termos de xustiza, solidariedade e igualdade.

Demandamos unha lei integral de protección ás persoas maiores que contemple os ámbitos de saúde, vivenda, protección económica, xurídica, cultura e lecer. A Xunta de Galicia debe velar pola suficiencia económica das persoas maiores reivindicando pensións dignas. O complemento autonómico de pensións mínimas, froito do diálogo social, mostrouse como un instrumento útil aínda que insuficiente no contexto de crise, polo que demandamos o seu mantemento.

Reivindicamos unha lei específica de atención e axuda ás familias galegas para que os poderes públicos aseguren unha protección social, económica e xurídica das mesmas.

No relativo aos servizos públicos, demandamos en Galicia un Pacto pola educación, a sanidade, a

xustiza, os servizos sociais e os servizos públicos, recuperar o emprego nos sectores e ramas de actividade que lle son propios para asegurar a calidade e eficiencia dos servizos que se prestan a toda a cidadanía.

O Comité Nacional de UGT-Galicia tamén considera que Galicia necesita apostar polo fortalecemento do sector primario como elemento clave no compromiso co desenvolvemento rural sostible e no sector pesqueiro as políticas deben abordar a situación dos descartes, tendo en conta as diversas pesquerías que se fan en Galicia. Por outra parte, debe facerse unha aposta de país para manter a pesca artesanal e o marisqueo.

Outro dos obxectivos debe ser defender o sector industrial e incrementar o investimento en I+D+i. Hai que recuperar a política industrial como elemento esencial do novo modelo de desenvolvemento sostible, que preste especial atención aos sectores máis dinámicos e aos de maior contido tecnolóxico, fomentando a innovación (especialmente nas PEMES) e apostando pola formación coa colaboración entre os centros educativos e as empresas.

Demandamos un plan industrial de carácter estratéxico con instrumentos, tanto sectoriais como territoriais, que persiga a meta de recuperar o nivel de actividade e de emprego perdido, apostando por consolidar actividades e empresas nas que Galicia ten xa presenza e no impulso de novos sectores industriais.

É prioritario fortalecer o desenvolvemento da industria en Galicia, co obxectivo marcado pola UE de acadar o 20% do PIB en 2020, apoiar os sectores produtivos galegos con políticas sectoriais específicas e forzar os compromisos do Goberno central (caso do sector naval ou dos prezos enerxéticos) e europeo (para o futuro do sector pesqueiro) cando residan alí as competencias.

Neste contexto, precísase estimular a I+D+i e todas as actividades produtivas, incrementando o gasto público, avanzando cara o obxectivo da Estratexia Europa 2020 do 2% do PIB destinado a I+D.

Estas, entre outras moitas actuacións e reformas, son as cuestións que consideramos prioritarias para recuperar un proxecto de país ilusionante, incluinte e solidario. O Goberno debe abrir un proceso de diálogo social sen demora, no que se aborden todas estas materias. O Comité Nacional considera que para cumpir estes obxetivos, tanto no ámbito do estado como en Galicia, os cidadáns teñen que ser conscientes de que para recuperar dereitos e avanzar teremos que recorrer á mobilización, se non se abren espazos de diálogo concretos de negociación.

NEGOCIACIÓN COLECTIVA

En materia de negociación colectiva, considérase a necesidade de que os incrementos salariais para 2017 móvanse nunha franxa entre o 1,8% e o 3%. Ademais, os datos de IPC do mes de decembro reafirman a necesidade de aumentar os salarios nesta franxa para que os traballadores non perdan poder adquisitivo.

Dado que o IPC interanual do mes de decembro situouse no 1,6% (unha décima máis do previsto no avance), e que o incremento salarial medio pactado en convenio ata decembro de 2016 situouse no 1,06%, segundo os datos do Ministerio de Emprego, o resultado é que os salarios perderon medio punto de poder adquisitivo o ano pasado.

Con estes datos, e coa previsión de inflación para 2017 de entre o 1,1% e o 1,7%, expoñer aumentos salariais desde o 0% ata o 1,5%, como fan CEOE e CEPYME, resulta insuficiente e indignante. E, neste sentido, os datos tamén confirman que os pensionistas perderán como mínimo o 1,3% de poder de compra porque o Goberno subiulles a pensión un raquítico 0,25%.

Para o Comité Nacional, é urxente abandonar a moderación salarial e que os traballadores recuperen poder adquisitivo, co fin de fomentar o consumo e o investimento.

O COMITÉ NACIONAL ADOPTA RESOLUCIÓN DE APOIO E SOLIDARIEDADE COS COMPAÑEIROS DE ASTURIAS

Por unanimidade, o conxunto dos organismos presentes no Comité Nacional que se celebrou hoxe en Santiago, adoptou unha resolución de apoio e solidariedade cos compañeiros de UGT-Asturias polos feitos que teñen acontecido nestes últimos días. Ademais, o Comité cualificou as actuacións levadas a cabo nesta contexto como realmente desproporcionadas.

 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..