Aparcamentos improdutivos, concesións erróneas e sociedades pantalla

Xornal de Galicia  14 Septiembre 2015  Sección; Opinión 967 votos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Por Óscar Lomba Álvarez *

PorOscarLombaAlvarezUnha corporación, empresa ou sociedade mercantil interposta, instrumental ou pantalla é aquela compañía que é creada co obxectivo de eludir a responsabilidade patrimonial derivada de posibles cargas impositivas, evasión fiscal e mesmo posibles asuntos de corrupción. As grandes corporacións, grupos empresariais e entidades financeiras actúan, en ocasións, con empresas instrumentais ou sociedades pantalla.

A sociedade instrumental, dependendo do contexto e país, pode ser legal e constitúese xeralmente cun pequeno capital social para cubrir un obxectivo fiduciario de limitación de responsabilidade. Este tipo de empresas resultan ser compañías ou sociedades que serven como vehículos para diferentes operacións empresariais sen ter activos significativos ou operacións propias. As empresas pantasmas non son ilegais en si mesmas, e poden ter obxectivos empresariais lexítimos. Porén, son un compoñente importante da economía mergullada, especialmente daquela baseada en paraísos fiscais. Os seus obxectivos son a elusión de impostos e a fraude fiscal.

E vén a conto esta detallada explicación sobre o que é unha sociedade pantalla porque o xulgado número 2 da Coruña, en auto de data 23 de xaneiro de 2015, declarou en concurso voluntario de acredores á mercantil COCHERAS OLÍVICAS DE PUENTES S.A., sociedade pantalla ou instrumental creada por PUENTES Y CALZADAS GRUPO DE EMPRESAS, S.A., para xestionar a concesión de servizo público de aparcamentos subterráneos de uso mixto nas rúas Rosalía de Castro, Jenaro de la Fuente e Avenida Castelao, que foi adxudicada por acordo da Xunta de Goberno Local de data 21 de maio de 2007. Deste auto tomou coñecemento a Xunta de Goberno Local en data 26 de marzo de 2015.

Á vista da situación suscitada polo concurso de acredores da sociedade instrumental creada para a xestión dunha concesión de servizo público municipal, o órgano de contratación, entre as medidas adoptadas, en data 17 de abril de 2015, acordou “a realización dun estudo técnico sobre as necesidades que demande o interese público en relación co servizo público de aparcamento para avaliar o obxecto e condicións do contrato”.

En cumprimento deste acordo, solicitouse informe ao Interventor Xeral do Concello de Vigo e a un terceiro independente e alleo á Administración municipal, a empresa consultora SEIXAS CONSULTORA, S.L., que foron emitidos en data 12 de maio e 19 de xuño de 2015, respectivamente. De devanditos informes despréndese a inviabilidade da concesión nos termos nos que foi adxudicada e a necesidade de acometer unha modificación da mesma que reequilibrase a economía do contrato.

I

O Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público prevé que cando a empresa contratista presenta concurso voluntario de acredores, tal como sucedeu coa empresa instrumental Cocheras Olivicas de Puentes S.A, e este concurso é aceptado pola autoridade xudicial, a obrigación inmediata da Administración Pública correspondente é proceder de contado á rescisión do contrato, como fórmula máis vantaxosa para preservar o interese xeral.

No caso que nos ocupa procédese á modificación da concesión do servizo público. Porén, debería terse producido a rescisión do contrato de concesión. Ademais entendo que ao ser devandita rescisión do contrato imputable ao contratista, e tendo o contratista unha sociedade pantalla para eludir a súa responsabilidade patrimonial, manter o contrato de concesión ou simplemente modificalo, só pode prexudicar ás arcas públicas, como así se nos propón neste acordo da Xunta de Goberno Local de data 26 de Xuño de 2015. Observo nesta decisión un favorecemento de intereses privados, xa que neste caso a sociedade primixenia adxudicataria Puentes y Calzadas Grupo de Empresas S.A. é clara beneficiada polo mencionado acordo da Xunta de Goberno Local, e ao mesmo tempo favorécense os intereses dunha entidade financeira que non calculou os riscos da construción dunhas instalacións en plena crise económica e prestou alegremente a unha sociedade instrumental, de 61.000 euros de capital social, unha cantidade desmedida de diñeiro.

O Real Decreto 1098/2001, de 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas establece claramente que nos servizos non esenciais nos que prima o risco e ventura do contratista non hai lugar a establecer pola Administración Publica unha garantía financeira para os mesmos. Estimo que o exemplo máis palmar é que o Estado, por exemplo, en infraestruturas viarias só aporta a garantía cando no prego de condicións e no posterior contrato establécese expresamente devandita garantía. No caso que nos ocupa así se pronunciou, en data 25 de marzo de 2014, e deste xeito o Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Vigo, desestimou a petición da concesionaria para o reequilibrio económico da concesión e posteriormente a resolución do contrato. Contra esta sentenza a empresa Puentes y Calzadas Grupo de Empresas S.A. recorreu en apelación e o seu recurso foi desestimado por sentenza de data 2 de outubro de 2014 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

É, xa que logo, evidente que a xustiza xa dixo que o Concello de Vigo non ten porqué reequilibrar as contas de explotación dunha empresa que se presentou libremente a un concurso público coa lexítima pretensión de obter beneficios e que, como consecuencia de factores externos á Administración municipal, pero que se podían e debían prever, como o feito de que a zona de Rosalía de Castro está catalogada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como zona de valor e protección arqueolóxica e que, cando se redactan os estudos económicos-financeiros e os proxectos construtivos no ano 2008, a crise da burbulla inmobiliaria xa era unha realidade palpable e diagnosticada por todos os expertos e analistas económicos.

Asemade estimo que é inadmisible que o Goberno Local regale máis de 6 millóns de euros, de entrada, a unha empresa en concurso de acredores, ante o temor a unha demanda incidental do Banco Popular. Se o Banco Popular prestou máis de 11 millóns de euros a unha empresa instrumental de só 60.000 euros de capital social, que é o capital de COCHERAS OLIVICAS DE PUENTES, S.A., fíxoo só porque o dono de COCHERAS OLÍVICAS DE PUENTES, S.A. e o ganador da concesión que era, en realidade, PUENTES Y CALZADAS GRUPO DE EMPRESAS S.A, e que sería quen deberían responder da nefasta xestión, que realizou neste asunto durante estes oito anos, e non repercutir os seus erros socializando as perdas sobre os petos dos contribuíntes vigueses, que ningunha influencia tiveron nos seus erros de xestión empresarial que conduciron a COCHERAS OLIVICAS DE PUENTES, S.A. a unha situación próxima á creba técnica.

De aceptarse a proposta que figura no acordo da Xunta de Goberno Local de Vigo de 26 de xuño de 2015, os erros cometidos pola concesionaria e polo Goberno Municipal, que debeu rescindir o contrato antes e non o fixo por razóns electorais, obrigarán aos sufridos contribuíntes vigueses a pagar 16.000.000 de euros entre os anos 2016 e 2019, é dicir, máis de 5,3 millóns de euros anuais e deixando a porta aberta a indemnizacións posteriores pois tal e como informa a intervención semella difícil conseguir o equilibrio financeiro da explotación nas actuais circunstancias económicas da sociedade viguesa.

Deduzo que, baseándome na información contida no expediente, que desde o ano 2008, a Xunta de Goberno Local moveuse por intereses puramente políticos de partido, pensando máis nas eleccións e nos resultados electorais que no interese xeral. Non se quixo recoñecer que a construción e explotación dese lote de aparcamentos non ía ser rendible e no canto de buscar a rescisión pura e dura, e proceder á convocatoria dun novo concurso público con transparencia e novos condicionantes, preferiron prolongar a agonía administrativa do contrato, só co obxectivo de seguir cortando cintas e demorando irresponsablemente o enfrontarse á dura realidade que posteriormente quedou patente, pero ademais estimo que a Xunta de Goberno Local actuou de mala fe, pois cando en xaneiro de 2015 aceptouse o concurso de acredores voluntario da sociedade se silenciou este feito ata marzo do mesmo ano, tres meses máis tarde, e posteriormente encargáronse unha serie de informes, presuntamente amañados, para ditar unha resolución xusto, «fortuitamente», logo da realización das eleccións municipais do 24 de maio, para modificar o contrato de concesión favorecendo os intereses privados. Esta mesma acción foi realizada polo propio alcalde e os seus colaboradores no ano 2011, cando logo das eleccións municipais modificaron o contrato de concesión, con indemnización e alongamento do período de concesión á empresa concesionaria do AUDITORIO MAR DE VIGO, «casualmente», PUENTES Y CALZADAS GRUPO DE EMPRESAS S.A., que tamén forma parte do accionariado da empresa concesionaria do AUDITORIO MAR DE VIGO. Xa que logo estamos ante unha probable fraude de lei e un evidente engano ao pobo de Vigo.

Os informes externos que o Concello de Vigo contratou non teñen a máis mínima autoridade técnica posto que a empresa SEIXAS CONSULTORA non realizou un só traballo de estudo de viabilidade de aparcamentos en réxime de concesión administrativa e a mencionada empresa non destaca, entre os seus fins sociais, pola consultoría das Administracións Publicas sendo o seu historial nulo nesta materia e, xa que logo, afirmo que a selección por parte do Concello de Vigo desa consultora é un feito sen transparencia e sen criterios obxectivos, o cal lévame a pensar que se trata dunhas consultas pactadas coa mercantil PUENTES Y CALZADAS GRUPO DE EMPRESAS, S.A. para xustificar unha mala solución, para os intereses públicos e para a facenda do Concello de Vigo, a cambio de tapar os graves erros de xestión de COCHERAS OLIVICAS DE PUENTES, S.A. e PUENTES Y CALZADAS GRUPO DE EMPRESAS, S.A. e a ineficaz defensa dos intereses públicos por parte do actual Alcalde de Vigo, D. Abel Ramón Caballero Álvarez, e o seu goberno municipal, que participa con el na Xunta de Goberno Local, pois en todas as actas non se dedicou nin un minuto ao debate dun tema tan sensible.

A conclusión que podemos extraer de todo este embrollo é que a Xunta de Goberno Local de Vigo realizou unha xestión nefasta e deplorable en relación a todo o proceso de concesión para a construción e explotación do servizo público de aparcamentos subterráneos de uso mixto nas rúas Rosalía de Castro, Jenaro de la Fuente e Avenida Castelao.

Igualmente considero inadmisible a existencia de sociedades pantalla como a mercantil COCHERAS OLÍVICAS DE PUENTES S.A, que terminan servindo para eludir responsabilidades patrimoniais, o pagamento de impostos e favorecendo a fraude fiscal e outro tipo de actuacións fraudulentas.

Finalmente convido aos pacientes lectores que chegaron ata o final deste artigo a que apoien a iniciativa europea “Por unha Europa máis xusta, neutralicemos as sociedades pantalla” que ten por obxecto conseguir a Introdución de novo instrumento xurídico no Dereito de Sociedades e outras medidas que garantan a transparencia das persoas e das estruturas xurídicas.

Os obxectivos fundamentais desta iniciativa serían a filtración de fluxos financeiros de orixe delituosa cara á economía lícita que ameazan a estabilidade do sector financeiro e do mercado interior. Para neutralizar esas sociedades pantalla, deben atoparse dispoñibles os datos sobre os titulares reais de devanditas persoas e das estruturas xurídicas. Por conseguinte, a transparencia das persoas e das estruturas xurídicas debe organizarse de xeito uniforme na UE, no marco dun instrumento xurídico do Dereito de sociedades.

Podedes asinar na web: http://www.transparencyforall.org/ da Comisión Europea.

* Óscar Lomba Álvarez é avogado. Licenciado en Dereito e diplomado en Maxisterio.   {jcomments on}

 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..