Diario dun neno galego

12 Junio 2015 2651 votos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 
diariodunnenogalegoDe resultas do conxuro dos fados, xogando unha partida de fabas, pintas e brancas, estaba por ver, se merecía ou desmerecía nacer; e no caso de vir a este mundo, onde daría o primeiro berro? Entre algodóns, nun pazo de fidalgos? nunha alcoba da Casa de Viana? ou habería de abri-los ollos nunha choza de Tanganica! Por capricho das fabas e das fadas, nacín na Ribeira do Sil.Con fortuna, certo; e por azar, quizais. Aínda que, pensándoo devagar e con tento, eu estaba destinado a pecha-la serie de sete nenos que pareciamos a escala musical, con intervalos dun ano: faltaba eu para da-la última nota, por iso fun o derradeiro SI que, daquela, deu a miña naiciña.  

 

Os máis grandes do niño, a medida que lles ían medrando as trenzas ás nenas e saíndo o bigote ós rapaces como as plumas ós paxariños, foron erguendo en voo uns tralos outros para estudar nos Milagros, ou nas Carmelitas de Ourense, deixándome a vara aguillada, como testemuña, para que continuase a tangue-las vacas para o monte, andares de camiños percorridos antes polos que agora presumen de estudar como señoritos na cidade.


Primeiro estaban as vacas nos lameiros; logo, se quedaba tempo, a escola. Porén, con poucos anos, xa sabía contar ata 14, e agatuñaba coma un gato larpeiro na busca de niños de paxaros, dicían que era listo coma un allo; e debía selo, porque axiña pariu a Castaña e xa aprendín a contar ata 15; e así as ía apañando no aire, aínda que co pizarrín sumando números enteiros e maila caligrafía mollando a plumiña no tinteiro con tento sen botar borranchos na folla do caderno, abofé que necesitaba mellorar de abondo. Ademais, o leite en po que nos preparaba a mestra con auga quente -que cheiraba a mexos, que todo hai que dicilo -tampouco era do meu gusto.


E por iso, coido eu que, de cando en vez os meus pais baixaban ó curral na procura dun polo, para que llo levara á mestra con plumas e cacarexando, para me espertar dos biosbardos, malia que se vise na obriga de arrearme coa vara na punta dos dedos. Lembro que, con máis anos, me preguntara pola listaxe das preposicións que debía repetir de punta a cabo: a, ante, bajo, cabe, con, contra...e como me paraba antes de chegar a sin, sobre.collía ela a vara e tras!


Á noitiña, despois de escoita-lo Supermán na radio que presumía te-la miña nai nun altar na repisa da cociña, o meu pai cantábame a faena para o día vindeiro: "Á mañá cedo, vas coas vacas para o alto da fraga, que che axude a nai ata o camiño da Fermiña; déixaas ben enriba na Pena dos almorzos e logo baixas á cortiña do Val sen deterte, non te vaias perder apañando morotes, que hai que arrinca-los beldros das patacas, que mañá tócanos a auga de rega; coa calor que vai, hai que regalas con tento, tapando ben as toupeiras, porque un litro de auga vale un peso".


A sombra estaba chegando á segunda xanela da casa do señor Antonio de Purdeus, non faltaría moito para as doce. A choca da Cachorra xa se estaba a escoitar máis clara e mais pre as vacas, perdidas na mesta fraga, non andarían lonxe. Dende a galería, que dá ó río Sil, rezaba para que viñeran dereitiñas polo camiño de Donín cara á casa. Ás veces, cos tabáns picándolles o cu, dáballes por correr como todas polos eidos abaixo, como levadas do demo. Logo tiña eu que acudir a recadalas co can, nas calores da sesta, mecagonamarsalada que as pariu!


Como dicía a mestra que Poseidón tivera fornicio cunha vaca, e que logo parira ó Minotauro, metade home e metade boi, por iso berro, cando me cabreo coas vacas: me-cago-na-mar-salgada-que-te-pariu! con perdón a vostede que non gusta ouvir ditos malsoantes, aínda que perda coidado que non é dos pecados mortais que condenan a un ó inferno.
- Don Xosé, a que non é pecado dicir mar salgada?
-Pecado non é. Non -contestoume o crego, á saída da misa.
-Ves!
Xa están a soa-las campás que toca o señor Néstor. Certo, era mediodía, a sombra que baixa tocando as ventás da casa branca de Purdeus non mente. Felisa, a maior dos sete, por estar farta de beldros e coas maus afeadas, que xa presumía a miña irmá de señorita, xa non quixo arrincar máis herbas das patacas.


-Moscas, moscas!- dicía, mentres escapaba para a casa da señora María, a Carpinteira viúva ela, que nese intre estaba a rifarlle a Nurita, a filla máis grande de catro que tiña,porque a moi parva acababa de escacha-la ola de apaña-la auga da fonte.
-Que pasou? -preguntou a Loliña, a outra irmá.


-Rompeu a ola, esta burra! -contestou a súa nai, a Carpinteira, alcume que lle viñera da profesión do seu home, morto con outros da contorna no accidente dun camión, traballando nas obras do encoro de Santo Estevo. Desto xa medraron os carballos, claro.
Ó chegarmos á casa, o pai, como de costume, repousaba ou meditaba deitado na cama, porque era da consideración de pensar que as ideas se aclaraban mellor no estado horizontal que rebulindo nas faenas; dicía estar canso de andar a vixia-los xornaleiros para que non aporcallaren a cava das viñas, os moi malandríns.

A miña nai na cociña, debullando as patacas para arranxa-lo caldo. A pota posta no fogón da arandela grande da cociña económica estaba a piques de botar a ferver, deseguida o testo de cando en vez habería de ergue-la orella, botando espumallos brancos do unto que estaba a cocer con algún óso de cachucha. Os grelos estaban cortadiños e postos en remollo no vertedoiro de pedra para que fosen soltando o amargor que é de seu.


Que ben sabía o caldiño feito devagar ó lume de achas de carballo! Ós poucos, amosou a gata, que estaba a aleitar tres gatiños aínda cos ollos pechos, miañando agarimosa entre os barrotes de ferro da xanela da cocina.


Co barullo e risas na pía do patio, lavando as maos trala arrinca das herbas das patacas, o pai deixou de meditar e ergueu da cama dun brinco. Achegouse á galería, subiu un bastidor co estrondo de seu e díxome enfurruñado:


"Eduardo, vai á bodega e trae unha xarra de viño do cubeto que se gasta a diario. E presta atención, ó pechares a billa aperta ben a cortiza, non vaia pingar, e non te entreteñas buscando piñóns do piñeiro da adega, que vas verte-lo viño ou escacha-la xarra," maloserá! -pensei para os meus adentros.


Agarrei a xarra, deitei o viño da cea e enxaugueina na billa da pía e encamiñeime cara á bodega. Mentres, a Tilde quedaba no patio lavando os pés e parte das pernas deica altura dos xeonllos. Ó cicha-lo viño no funil que vertía na xarra de Gundivós, recubríndoa de espuma; boteille dous grolos, así como non quere a cousa: que fresquiño estaba!


Eduardo Prieto Casares ( Hai dous videos. Blog: "Contos da Ribeira Sacra)

http://xornalgalicia.com/sucedioengalicia/sucedioengalicia.php

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..