1440588431DSC03965O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu en Raxoi o presidente da S.D. Compostela, Antonio Quinteiro, co que falou sobre a nova temporada que o equipo vén de comezar na Segunda B e das necesidades de reforma do Estadio de San Lázaro . Martiño Noriega referiuse á dimensión de clubs da cidade coma o Compostela que, "dalgún xeito, representan á cidade máis aló do deporte de base". Nese sentido, dixo, "o labor do Concello ten que ser de facilitador do desenvolvemento da actividade destes clubs".

Ademais do apoio en forma de infraestruturas ou dos propios convenios de colaboración, o alcalde apostou polo labor "sensibilizador" do Concello á hora de "facer un chamamento á masa social e ao tecido empresarial para entender que estes proxectos son positivos para a cidade e provocan un impacto positivo para a mesma".

Sobre a situación do Estadio de San Lázaro, Noriega falou do seu "deterioro estrutural" e lembrou que existe un proxecto municipal que estima nuns 3 millóns de euros o investimento necesario para a súa reforma. Indicou que, neste exercicio, están presupostados 200.000 euros e que "haberá que buscar financiamento e vías de colaboración" para realizar as melloras que o recinto necesita.

Ademais, lembrou que un dos proxectos que o Goberno local ten no horizonte para esta lexislatura é facer na zona de San Lázaro un dos "pulmóns deportivos da cidade".{jcomments on}