Ratio: 5 / 5

Inicio activadoInicio activadoInicio activadoInicio activadoInicio activado
 

avelino diaz foto 938x535Tal e como aparece datado no propio libro (achegamos imaxe), Debezos se terminó de imprimir el día 4 de julio de 1947 en la imprenta José Rosenbaum, Gral. Urquiza 42, Buenos Aires”,xusto vinte (20) días antes de que vise a luz Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño.

Ata agora os estudosos consideraban Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, o primeiro libro de poesía galega importante editado na posguerra, pero Debezos publicouse vinte días antes.

Meira, 31 de marzo de 2016.-Debezos, de Avelino Díaz, se terminó de imprimir el día 4 de julio de 1947 en la imprenta José Rosenbaum, Gral. Urquiza 42, Buenos Aires,xusto vinte (20) días antes de que vise a luz Cómaros verdes, tal e como se constata na contraportada das edicións orixinais dos dous libros.

Ricardo Carballo Calero, na súa Historia da literatura galega contemporánea, di textualmente que Cómaros verdes (1947) é o primeiro libro importante de poesía galega aparecido despois de 1936.Cómaros verdes aparece datado en Vilagarcía de Arousa, na imprenta Celta, na véspera do Día de Galicia e de Santiago de 1947.

Pendentes da negociación do impreciso concepto de importante empregado por Carballo Calero, pero unha vez contrastada –de xeito moi recente, precisamente por nunca ter sido obxecto dun estudo miúdo–, a súa incuestionable calidade poética, Debezos debe ser considerado un poemario galego importante da posguerra previo aos Cómaros verdes, deixando sen valor así a afirmación de Carballo Calero.

En Galicia é difícil falar de publicación ningunha de relevancia antes dos Cómaros verdes. En América non sucede exactamente o mesmo porque, sen ir máis lonxe, o Sempre en Galiza de Castelao viu a luz en 1944. En territorio galego os primeiros libros en lingua galega publicados na década dos anos 40 son reedicións. En 1941 a editorial Galí, de Santiago, reedita os Cantares gallegosde Rosalía; de Rosalía tamén reaparece en Madrid a súa Obra poética en 1942, 43 e 44, e en 1947 as Obras completas. En 1943 reedítanse en Madrid Aires da miña terrae O divino sainete, de Curros.

En canto ás publicacións editadas por primeira vez, en 1941 o Caderno de Poesía Albor (Pamplona) recolle Seis canciones de mar "in modo antico" de Filgueira Valverde; en Lugo sae publicada a zarzuela de Xosé Trapero Pardo Non chores, Sabeliña (1943); en 1946 aparecen dous poemarios: Brétemas mariñás de C. Luís Crespo, e Soaces dun abade de M. Piñeiro Groba. Neste ano de 1946 aparece outra reedición (a 4ª), en Lugo, do libro Do ermo de Noriega Varela, co gallo dunha homenaxe organizada por Trapero Pardo e Leal Insua.

Nestes anos aparecen revistas culturais, sendo as máis interesantes: Finisterre (1943), Sonata Gallega (1944), Gelmírez(1945).

En América, e no que se refire estritamente ao xénero poético, están datadas en Buenos Aires, antes do Debezos de Avelino Díaz, algunhas obras que mantiveron viva a produción poética en galego nunha época extremadamente difícil.

A gaita a falare. Lembranzas e maldicións (1939), de Ramón Rey Baltar, é o primeiro libro galego da posguerra. Está centrado na Guerra Civil e é precursor da poesía de denuncia. Emilio Pita publicou en 1942 Jacobusland, que mostra tamén a traxedia da Guerra Civil. Trátase do primeiro libro do autor de nova creación publicado en galego despois da guerra e o único que conta con ilustracións de Castelao en América. É un claro antecedente do que despois será considerada poesía social e de denuncia. O propio Emilio Pita publicou en 1944 Cantigas de nenos, de regra o primeiro libro escrito pensando para nenos/as despois da guerra.

En 1943 apareceu en México o volume colectivo, promovido polo Partido Galeguista, titulado Cancioneiro da loita galega. Lorenzo Varela publica en 1944 Catro poemas para catro gravados. Son poemas sobre María Pita, Roi Xordo, o bispo Ataúlfo e María Balteira, que figuran no álbum de gravados de Luís Seoane coñecido co título de María Pita e tres retratos medievais.

Así pois, e sen entrar a valorar ningunha das obras que aparecen aquí referidas, nin outras que quedan no tinteiro, volvendo considerar o adxectivo importante como concepto absolutamente subxectivo, non cabe dúbida de que vinte días antes do importante poemario Cómaros verdes, apareceu o tamén importante poemario Debezos, de Avelino Díaz.

Cómaros verdes supón a madurez poética de Iglesia Alvariño. Contén 42 poemas, compilados de tres lustros, influenciados por diferentes correntes como o neotrobadorismo, o paisaxismo, o hilozoísmo ou o clasicismo.

Debezos supón, tamén, a madurez poética de Avelino Díaz, contén 63 poemas, é produto dun traballo de dúas décadas e divídese en tres partes. “Terra a Nosa”, consta de trinta e dous poemas monotemáticos sobre Galicia que reflicten o profundo amor, a señardade, a morriña…, e por encima de todo, o compromiso que Avelino sentía pola súa Terra. Nesta parte, combínanse poemas de lírica intimista, tales como “Galicia” e “Miña Patria”, que amosan os sentimentos que lle producen as lembranzas dos anos de nenez e xuventude vividos na Terra, con outros de enérxica denuncia da inxustiza que padecía Galicia, así como un claro chamamento á rebeldía e á loita contra ela; “Érguete pobo”, “A loita”, “Caciques”… son exemplos desta temática. A dor e a desventura da emigración están presentes en poemas, como “Nai chorosa” ou “Angustias”. A saudade e a morriña, que debeu acompañalo toda a vida, reflíctense en títulos como “Anduriñas”, “As xestas”… Tamén dedica dous poemas a loar as figuras lendarias do mariscal Pardo de Cela e dos heroes de Carral.

A segunda parte é unha colección de vinte e un poemas reunidos baixo o título de “Íntimas”, de temática variada, que deixan ver a personalidade de Avelino, home sinxelo, humilde, bo e xeneroso, que valora por enriba de todo a liberdade, a dignidade, o amor e o agarimo familiar.

Finalmente, a terceira parte consta de trece poemas agrupados, baixo o título de “Recanto nativo” nos que o autor lembra e gaba a Terra que o viu nacer, títulos como “Meira”, “Río Miño”, “Serra de Meira”, son algúns exemplos. Velaí este pequeno poema que reflicte o que para el significaba a súa terra natal.

Conclusión:

O feito de que Debezos sexa sistematicamente esquecido nas referencias ás publicacións que posibilitaron a recuperación da poesía galega na posguerra débese, exclusivamente, a un dato constatable: Avelino Díaz foi un emigrante que deixou a Terra a comezos dos anos 20, sen que nunca volvese pisala. Ao tempo, os seus libros autoeditados non son nada máis que unha mostra da súa humildade e da ausencia de pretensión ningunha de notoriedade. Con só catro libros da súa autoría, e con infinidade de colaboracións nos medios escritos de Buenos Aires –algúns dirixidos por el–, só os medios materiais dos que se dispoñería se lle fose outorgado un Día das Letras permitirían localizar e publicar os máis de 850 poemas que deixou escritos e que están pendentes de saír á luz pública (están contabilizados un total aproximado de 1.178 poemas da súa autoría, o cal supón unha produción monumental), así como a súa inxente obra xornalística.

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..