Celeirós, unha aldea do concello de A Teixeira

Xornal de Galicia  24 Diciembre 2015  Sección; Especiales 959 votos

Ratio: 5 / 5

Inicio activadoInicio activadoInicio activadoInicio activadoInicio activado
 

puentedeCanceliñas

Puente de Canceliñas concello de A Teixeira

De mocosiño xa andaba eu tralas vacas en Celeirós, terra alta do concello de A Teixeira, de onde viñera casar Isidro, o único varón da casa dos Ferreiros, estirpe de forxa de xudeus 'maragatos', o peixe do mar aos 'gatos', xentilicio de Madrid, que chegaría a ser o meu pai pola ponte de Conceliñas, camiño de aloumiños e garatuxas, namorando á filla herdeira, a miña mai, da Casa de Viana: a diario, seica aparecía, cuspindo moi alto, antes do solpor no portalón do patio, montado no seu cabalo alazán con manta de Zamora cubríndolle as pernas; amigo de sombreiros de pano, botas de montar de coiro, de encargo, novas do trinque: todo el feito un cabrito, teso e varudo coma un buxo.

Celeirós é unha aldea soleada de montaña, con hortas feraces na beira baixa do vilariño, leiras chás de secaño espalladas ao redor, onde se alternaba o centeo coa sementeira das patacas. ('Celeiro' é a tulla onde se baleiraba o 'grao' trala malla, de aí o topónimo: 'terra de pan'). Por entón, as airas do lugar, asfaltadas de bosta, endurecida ao sol, competían en ergueren medas de moios, entrecruzados con mestría coas espigas cara dentro ou palleiros, apuntando ao ceo, agradecidos pola abondosa colleita: mais, abofé, que ninguén podía competir coa tulla do Xosé, o 'Paneiro'.

Na cima, a capela de San Ramón Nonato, de vella cantería de perpiaño, está a protexer aos nenos prematuros do lugar; cara arriba, as devesas de pasteiros e montes con piñeiros; embaixo, na ribeira dos Vaos, tendíanse ao sol os lameiros derregados: unha caldeira da vaira do Conde refrescaba o Reconco, onde me bañaba en coiros: 'ictioterapia' de bicos de troitas para os pés magoados das chancas.

Naquela, non había quen ousara chistarlle ao pai: a mai cumpría, andando para adiante a intervalos dun ano; a min tocoume dar o 'si' da escala, no coro de anxos de Viana. No outono, o dedo furabolos do proxenitor apuntaba a un de nós. Primeiro eran as vacas e, logo, se quedaba tempo, a escola: axiña, virían días longos de morriña no desterro, fóra do fogar; primeiro, a andaina coa transhumancia do gando da ribeira á montaña pola ponte de Conceliñas ou máis embaixo á beira da Fábrica da luz, pegando na petada do camiño deica subir ao cumio da Pedra do Sol, onde volviamos a mirada cara á ribeira, empoleirados no alto dunha pena, como Ulises con saudade de Ítaca.

Celeirós tiña o seu que, mais ao carecer de estrada e de luz eléctrica, o medievo, nestas aldeas do interior, perdurou no tempo: lugares idóneos para manter os ritos máxicos, antigas crenzas, non verificadas e, mesmo, onde aniñaran as bruxas, porque 'habelas hainas e son moi cativas por teren feito un pauto co demo': os sábados, no 'aquelarre', o diaño, disfrazado de macho cabrón, ao son dos pandeiros, seica viña a refocilarse cunha meiga das neófitas: era o  rito iniciático para obrar o mal.

Por entón, falárame o señor Victorino (o escribidor da parroquia, con sona de saber artellar un documento en pregos de papel de barba, espallado en fina caligrafía, de pluma e tinteiro) da meiga de Torbeo: "Disque lle entraran catro demoños,'cadelos', no corpo, ladrando como tola, cando estaba 'co mal'; en Celeirós, nos fiadeiros, tamén recitaban un romance: '/Contan a carón da lareira / o caso da Remixia meiga/ acochaba unha nena co pano da faldriqueira / sendo o envurullo dunha aña lueira...' Esta muller, co demo no corpo, seica lle botara o mal de ollo a unha moza casadeira, e que aparecera o día da voda coas cara inzada de grans e, como resultas do meigallo, o pai da rapaza mallara na meiga, arreándolle cunha vara de vimbio de sete nós. As bruxas tamén se metamorfoseaban en moscas raxadas, mais desto último non hai testemuños escritos que acrediten tales feitos", díxome o señor Victorino, deixando que morrera o conto.

Velaí outros ritos máxicos que escoitei e, mesmo, ollei na estadía de Celeirós: Acabada a liturxia dun pasamento, o cura deixara o misal aberto na ara consagrada, polo que as bruxas quedaran encerradas na igrexa: de enfornar o pan, non había obriga da sinal da cruz na boca do forno; o fachizo quedaría detrás da porta coa frouma cara arriba, que non se zarrapicarían as portas e fachinelos con auga de ruda ou bendita; nin andar á procura dunha coroa de follas de loureiro (laurus nobilis) para colgala da ferradura de sete furados ou no petador da porta. En canto ao rito máxico de curar os pezuños das reses, un terrón posto ao sol encima dunha parede tras ser pisado pola vaca que coxeaba, en secando a herba do terrón, curaría a vaca, abofé que quedei pampo, ollando os pasos da cerimonia oficiada polo pai, teimoso el co rito da tradición. Idola teatri, diría Feijoo (Casdemiro,1676): freire e ensaísta ilustrado que loitou por disipar as sombras das supersticións, prexuízos e costumes daquela Galicia  ignorante e medrosa.

-"Enróscalle nos cornos as cousas boas: un escapulario, un rosario...! que a Marela anda con trazas de parir, espanta o meigallo co cacho da vacaloura, queridiño!, non sexa demo que se vaia ir o burro coas noces..." -díxolle o 'Queridiño' ao Fermín preto da Cruz, mentres retornaban no solpor, tanguendo a facenda dos Cabaleiros.

Axiña, levantou acta da conversa o señor Victorino, dende o corredor da súa casa, dado en recompilar testemuños de costumes e quefaceres dos veciños por encargo do antropólogo Lisón Tolosana, a quen lle encomendara a Deputación de recoller nun libro a memoria do rural de Caldelas.

Eduardo Prieto Casares

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..