A xeira da vendima, unha estampa da Ribeira Sacra

Xornal de Galicia  07 Octubre 2015  Sección; Especiales 1230 votos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Ribeira SacraNaquela, os carros amosaban arranxados no resío da adega de Viana(Parada de Sil), adega construída no 1700 con alpendre e mais forxa, obra de mestres canteiros da contorna. Parellas de vacas e de bois postos ó carro (a enerxía animal aplicada ó arado e mais ó carro, tecnoloxía do medievo, mellorada a mulida e mais a canga ó pescozo, perdurou deica a segunda metade do século XX nas aldeas de Galicia); carros preguiceiros e laións cargados coas arcas de castiñeiro para a carrexa das uvas.

No setembro, unha lámina de auga permanecía queda para inchar as xuntas das táboas das arcas.

Ós ollos dun neno parecía un feitizo máxico. Na grade dun carro novo de trinque, enxeño artesanal dun fragueiro da montaña, repousaba baleira unha arca de cinc, máis grande e lixeira, un adianto para aqueles tempos que ían preguiceiros. Cada día de vendima cumpría enchela de uvas baleiradas dos cestos culeiros que apandaban ó lombo os mozos, e xornaleiros curtidos, dende embaixo á beira do Sil. Tempos aqueles de moito traballo colectivo nas casas con varias ducias de cavaduras de viña, malia que a terra de minifundios na Ribeira Sacra, viticultura heroica que se di, nin o máis pintado que lucira aires de cabrito se viría recompensado.

Naquela no agro só había pobres, cer malo será polo traballo e benquerenza trala gancha nas terras ladeiras retidas en pataos. No setembro, o pai andaba co neno máis miudiño lavando a barriga das cubas da casa, non se fose picar o viño. Con dez anos, abofé que lucía eu un corpiño de furón, así que o pai ergueume empuxando no meu cu, mentres con tento ía metendo os pés calzados coas chanquiñas pola boca da cuba larga. Logo, foi na cuba destinada á augardente, que había que fregala devagar para a destila, de onde saín tarambaina, con bolboretas rebulindo ó redor da cabeza, para rematar no zulo da cuba grande, na que me descolguei cara dentro agarrado de maos encalladas.

Ribeira Sacra2

Alá no fondo, víame coma un coitadiño engulido naquela barriga, escura e fría; porén, axiña me espertou o meu proxenitor das miñas mexericadas, achegando pola boca da cuba un balde con auga morna e mais un cepillo de fregar o chan de madeira, que foi baixando polo pola boca da cuba, colgando dun cacho de corda.

"Raspa a flor do viño da madeira e presta atención ós beirís, frega esa merda! non sexa o demo que se estrague o viño, que cousa feita, xa non mete présa, que por estes enredos non se vai ir o burro coas noces", díxome o pai con certo misterio, mentres alumeaba co fío dunha triste lámpada larafuzas do viño tinto, quenon disipaba a escuridade daquel bandullo con forma de iglú.

Ollando a escena desde fóra, disque o rapaz, por veces, sentía que se afogaba, sacando a cabeza á modo de periscopio cos ollos grandes de peixe, mentres boqueaba como se lle faltara o aire. Ó rodaren as cubas, o corpo do neno bailaba coma cacho nun cribo, medio pampo, véndose na historia sagrada do profeta Jonás na barriga da balea que lle contara o crego, don Antonio de Calvos. Disque na tarefa da refrega, co cepillo nas maos, só aguantaba tres minutos. En troques, o profeta, máis sacrificado có rapaz da Casa de Viana, seica estivera tres días dentro do peixe até que nun espirro o botara, san e salvo, na area dunha praia.Mañá cedo, que xa viñeron no coche de liña as mulleres de Vilouxe, vai comezar a xeira da vendima na viña de Espartida, que se alongaba cara abaixo até meter as escaleiriñas de pedra que fendían a viña de arriba a baixo na auga do Mao, río humano á medida do home. Uva de mencía, mouratón, merenzao e garnacha, por entón, unha mestura axeitada para un viño artesanal equilibrado.

Entre lusco e fusco, tres arcas de uvas, na porta da adega sacadas das viñas en cestos grandes que calcaban na terra a homes pequenos. Nada que ver coa vantaxe das pistas ó carón das viñas cos tractores ó pé dos montacargas de raíl. Seica que foron copiados polos emigrantes retornados das zonas vitivinícolas do Rhin e do río Mosela. Noutros lares de fóra, a vendima está máis mecanizada, certo. Ás veces é nocturna, máis son uvas recollidas por máquinas cegas, ó chou, mais os enxeños modernos, de non escolleren as uvas, non hai garantía dun bo viño nas cubas, non é?

Pola vendima sempre chove. Esta vez caeu auga miudiña, un orballo que empapa o corpo, así como non quere a cousa, mais logo escampou, volvendo o ollo do sol a iluminar o escenario da vendima da ribeira do Sil. As uvas que coroan as caixas este ano teñen boa cara, mentres as maos das vendimadoras, pegañosas, esgazan unha vide para espantaren as avespas, que zumban ansiosas libando o mosto da mellor mencía dos socalcos de Amandi.

Eduardo Prieto Casares{jcomments on}

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..