Os últimos titeriteiros da ribeira do Sil

Xornal de Galicia  11 Agosto 2015  Sección; Especiales 1313 votos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 
A comitiva de cores dos titeriteiros amosaba á tardiña pola curva de Calvos: debeu ser a derradeira vez que viñeron co circo polas aldeas de Parada de Sil; desto xa medraron os carballos, claro; quizais fose no setembro de 1956, era eu un mocosiño dunha puñada de anos, pero con memoria do que che vou contar.

 -Alí veñen...! axiña, hai que pechar con chave as portas da dispensa; atrancar a palleira, que rouban de noite a herba; recadar as pitas dentro da casa, que o ano pasado arramplaron cos ovos e cos polos, nas maceiras só deixaron as follas e, mesmo, desenterraron o porco larengo que lle morrera a Engracia, á viúva do Manuel de cando a construción do salto de Santo Estevo. A media mañá, cheiraba carne ao caldeiro: a rapazada dos artistas andaba cos ratos da fame roéndolles as tripas, disque que pasaran días, longos e negros, que non apañaran nada.
Os carromatos reptaban devagar pola petada de Gurvela. Primeiro, arribou un de dous eixes, turrado por catro mulas, fracas e con mancaduras nos cadrís; logo, chegou unha carreta mediana dun eixe con dúas mulas de catro dentes; por último, viñeron, case que pegadas unha á outra, dúas carretas como casiñas de bonecas: de cores alegres, a cheminea cun telladiño, cortinas nas xanelas e mais unha escaleiriña para subir e baixar da casa-carro.
Ao solpor, houbo representación no garaxe do señor Avelino, un lugar espazoso, que erguera á beira da estrada co gallo de gardar o camión Barreiros que a familia Bertólez mercara non había moi colocaron unhas táboas á maneira de asentos, aínda que moitos veciños apandaron cos poios das casas enchendo a platea do garaxe.
Os artistas tensaron un arame polo medio da sala; e unha moza, cunhas mallas vermellas cinguíndolle o contorno do corpo, comezou a camiñar con tento e mainiñamente, tentando o arame co bico do pé, mentres agarraba unha barra de ferro como balancín. Percorrido o arame, a equilibrista brincou ao escenario e, despois da reverencia de seu, recibiu un aplauso recio do respectable, mentres a moza, elegante e lixeira de corpo, facía mutis polo foro.
A seguir, amosou un mozo abaneándose encima dunha táboa colocada po riba duns paus rodeiros. -Que te vas esnafrar! -berroulle o Antonio dos Losadas, mais o artista metido no seu non reparou no aviso do veciño, deslizándose de acó acolá no improvisado escenario até desaparecer coa táboa nas maos pola banda esquerda. O público brindoulle un aplauso pasadío. Axiña, pola dereita do escenario, apareceron dous pallasos: saudaron ao respectable cunhas ovacións breves e, un deles, o que tiña un tomate por nariz, olloume en fite cos ollos maquillados de estreliñas azuis que me engaiolaron coma a un parvo.
-Eh, rapaz, sube ao escenario! -díxome cun sorriso de pillabán.
Contrariado pola inesperada invitación, porque daquela non era artista (agora, aínda menos), viñéronme as cores ás meixelas, que as tiña chuchadas de tanto soprar nas frautas que eu mesmo arranxaba en cada primavera cunha póla de castiñeiro, cando ía coas vacas para o monte. Pero teimaron no choio e, agarrándome un pallaso dunha mao, houben de brincar ao alto da tarima.
O do nariz vermello comezou cunhas parvadas ao meu carón, sacando unha pomba da súa chistera, que deu unha volta batendo as ás por riba das cabezas, e seica que os máis devotos da parroquia -disque mexaban auga bendita- ollárona cara arriba con devoción esperando que o Espírito Santo lles confesara o terceiro segredo da Virxe de Fátima, entrementres os outros, que non comulgaban con rodas de muíño, rezaban para que tímida pomba non ou si? lles soltara unha cagada, con perdón, no medio dos ollos para que reduciran o ángulo de visión dun ser finito. Axiña, do mesmo sombreiro, sacou un coello branquiño coma a neve: deulle aloumiños no carrelo, o coello sorría mirándome, porén nun amén fíxoo desaparecer diante todos por arte de birlibirloque dun movemento malabar rápido coma un lostrego.
Na contra do escenario, outro pallaso estaba a tirar moitos papeliños ao ar e, trala nube de confete, apareceu un mastín correndo polo corredoiro central: dun brinco, o can saltou ao escenario, repousando sentado de cuartos traseiros cara ao público. Tiñas que velo, como presumía co fato de policía, coa gorra de viseira con reberete dourado e todo; namentres me ollaba, erguía o corpo, a piques de poñerse de pé de patas traseiras, para que me decatase das pistolas que lle colgaban do cinto.
O can deu dúas voltas ao derredor do escenario con moito xeito e, dun brinco, saltou para desaparecer por entre os pés da xente. Unha muller, a avoa do circo, xitana ela, vestida cun fato negro, unha de esas vellas coa casca amarga, estábao a esperar preto da porta: enganchouno pola correaxe cos seus garfos de artrite e levouno, case que arrastrando, ao eixe do carromato, onde quedou preso o coitado artista.
Eu atopábame alí, empoleirado no alto do escenario, coma un pobre coitadiño. Pero non chegara o peor, porque un daqueles condenados titeriteiros pegoume un funil na parte de abaixo do embigo e comecei a mexar polo seu bico, zurrichando un fío de auga nas fazulas do público da primeira fila, que torcían a cara de esguello, malhumorados, mentres que os veciños máis afastados, en troques, rían as a falcatruadas a corpo solto.
E para rematar, o maricón do pallaso, con perdón, cravoume un coitelo na barriga, coidando eu que me matara coma a un pobre porco, alí, na ara do sacrificio, no alto do escenario que o merecía polas culpas dos pensamentos impuros do noveno mandamento da lei de Deus que me viñan no entre sono e soño: acheguei repetidas veces a mao á ferida aberta para tapar o sangue que estaría abrollando a cachón antes de morrer por instinto de supervivencia e ollar a mortal ferida antes de pechar os ollos e voar cara ao ceo; porén, neste intre, o pallaso para mostrar o engano da folla retráctil acoitelouse tamén deitado no chan, facendo o morto, ollándoo eu estrañado como me chiscaba un ollo, rindo coma un coello.
Ao coller o tranganillo, volvéronme pouco a pouco as cores, procurando soltar nun sorriso que me desbaratase do medo, atenazado por la agonía daquel intre.
Os artistas titeriteiros arrincaron do público un xeneroso e prolongado aplauso. Ai, amigo, destas merendas, poucas!
Eduardo Prieto Casares

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..