Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

2pandesanantonioA Xenerosa de Margarida, hoxe unha aldea deshabitada de Caldelas, sentada a carón de Plácido, o seu home, era un vimbio cos nervios desatados na consulta do xinecólogo:

 había semanas que sentía un non sei que no seu corpo e xa contara dúas faltas sen pórse mala co mes, polo que andaba cun requeimar trala orella, impertinente como o teimoso zumbar dunha mosca. Como di o outro, desto xa medraron os carballos: naquela, aínda cantaban os carros polas corredoiras da ribeira do Sil.

Aos poucos, amosou a cariña da enfermeira franqueándolle a porta da consulta cun sorriso a piques de lucir, de novicia. O Plácido quedou sentado na sala, mirando en fite a porta branca co desexo de traspasala cos raios dos luceiros. Era un matrimonio que non casaba, que de pouco lle servira a graza santificante recibida co sacramento do matrimonio das mans do abade de San Lourenzo de Barxacova. Plácido lucía a catadura dun homiño achaparrado e rancio, a medio levedar, chuchado de carnes e pródigo en aparentar arroutos de home varudo onde só había debuxado o perfil dun monicreque, aínda quen sabe que boi pequeno, corna grande, dispensando. En troques, Xenerosa, a súa muller, lucía os donaires propios de femia agraciada, toda ela irradiaba expresión corporal de muller guapa, voluntariosa e alegre, gozosa e lubrica, que se quitaba anos e gañaba vida despois de cada parto.

     -Póñase cómoda, díxolle o Dr. Parente indicándolle unha cadeira.

       -Non lle vou cobrar a consulta por vir recomendada polo arcipreste. Faloume o outro antonte, que compartimos mesa no San Miguel, que era vostede unha muller devota, dilixente e aberta ós favores de ganar o pan de San Antonio, cousa que é de agradecer esta antiga devoción (coñecida na Idade Media coma "Pondus pueri", os nenos disque veñen cun pan debaixo dun brazo) por quen recibe os praceres, que son propios da vida, e doada satisfacción para quen os regala, sermonoulle o doutor cun sorriso malicioso. Logo, a enfermeira levouna a un recanto, por detrás dun biombo, co gallo de que se espira de cintura para baixo e, axiña, se acomodara na padiola coas pernas abertas, repousadas en alto, para unha doada exploración xinecolóxica. O Dr. Parente, con cara de santo varón colgándolle o papo, con luceiros azuis lucindo detrás das lentes, frisando nos corenta, comezou a faena palpando nas partes pudendas, mentres lle viña á cabeza a conversa co seu irmán na sobremesa do restaurante. Daquela, as ecografías aínda non se coñecían, polo que a observación, a exploración manual e máis as probas coas rás era a praxe a seguir para o diagnóstico do embarazo.

     -Vístase, e logo acuda á mesa do doutor, indicoulle a enfermeira.

     -Xenerosa, teño que darlle unha nova, boa ou mala, depende: estás de dous meses. Segundo me contou o meu irmán, unha galiña pode criar unha ducia de poliños, certo, mentres os acoche e lles dea calor a todos, non é? Coido que na túa situación, atada como estás ao dito do filósofo, "yo soy yo y mis cincunstancias", o máis indicado é que desfagas o niño do paxariño que está a aniñar dentro de ti; para que me entendas, que non poñas cancelas en desbaratar o enredo que che está a medrar nas entrañas: estás a concibir unha criatura que é froito dun pecado; un día ves, e xa volves co teu home ceibe e contenta coma unha castañola; xa sabes por outras veces, que haberá unha recompensa moi xenerosa para a nosa Xenerosa, riu o médico pola ocorrencia.

     -Non! Aínda que veña cos ollos louros da vosa familia de alto copete a nacer no sequeiro, onde malvivo, afumándome cos demais nenos: o Señor tamén naceu nun presebe e mira quen era.

     -Está ben, coma ti quixer. Con todo e iso, perde coidado, muller, que non te vas quedar a velas vir, sabedores de que a cabra tira ó monte, que debaixo dun traxe talar se acocha un home: unha vez máis os pecados da carne, isto hai que paralo!, me cago no carallo bendito!, desculpe o adxectivo. A cousa vén emparellado coa condición humana, Humanae vitae, escribiu Pablo VI; meu Deus, as escopetas como se cargan soas: o home é lume, a muller estopa, e aparece o diaño e sopra; sabes o que lle quero dicir, non? Por conseguinte, o neófito debe ir ás mans dunha familia cristiá e acomodada, recomendada polo abade que reparte o pan de San Antonio para lavar as culpas. Con doce anos, ingresará no Seminario.

   -Ca! Non quero saber máis de curas, que fillo de porco...

   -Cala, muller! Compórtate como é debido e pecha ese pico, ben pechadiño que en boca cerrada non entran moscas, díxolle o doutor entre dentes, con cara de can, na porta da consulta, aproveitando o médico para botarlle unha ollada aos cornos do home da Xenerosa que se ergueu como boi manso para saudalo.

   -Xa sabes o que tes que facer, e que Deus bendiga o froito do teu ventre...

   -"Jesús!" -contestou Plácido sen reparar mentes.

Eduardo Prieto Casares. Contos da Ribeira Sacra

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..