Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A fasciolose é unha enfermidade parasitaria de transmisión alimentaria, responsable de elevadas perdas económicas no sector gandeiro estimadas en máis de 2.800 millóns de euros ao ano, e que afecta a uns 17 millóns de persoas en todo o mundo, principalmente en Asia e Latinoamérica. En Europa, a maior parte dos casos concéntranse en Francia, Portugal e España, neste último caso con 400 persoas infectadas cada ano.
A aparición de resistencias fronte ao limitado espectro de fármacos que existe e o aumento na incidencia da doenza insta urxentemente a mellorar a diagnose e buscar novas dianas terapéuticas que permitan frear a súa transmisión. Ambas estas dúas estratexias abordounas a investigadora da USC Victoria Martínez Sernández na súa tese de doutoramento, dirixida por Florencio Martínez Ubeira e Fernanda Romarís Martínez, e que culminou co desenvolvemento de dous test de diagnose e o descubrimento dunha nova familia de proteínas –de unión a hemo–, unicamente descritas en Fasciola e trematodos (parasitos) relacionados.


Fasciolose Só en Galicia se estima que un 16% das explotacións gandeiras ten máis da metade dos animais parasitados por Fasciola, considerada unha enfermidade reemerxente cuxa prevalencia podería aumentar coa incidencia do cambio climático.
A infección prodúcese por inxesta de vexetais crus contaminados con metacercarias (forma infectante do parasito) que proveñen dun pequeno caracol de auga doce que actúa como vector (Galba truncatula). En humanos a enfermidade cúrsase en catro fases, que inclúen o período de incubación, unha fase aguda, outra latente e unha última obstrutiva ou crónica. Os síntomas máis destacados teñen lugar durante a aguda, cando os parasitos migran e se alimentan do tecido hepático, e na crónica debido ás alteracións e obstrucións nas vías biliares. 
Novos tests A diagnose da enfermidade na fase aguda resulta de grande interese para evitar o dano do fígado pero, ao tempo, resulta difícil pola inespecificidade dos síntomas e porque os ovos do parasito non aparecen nas feces ata a fase crónica. Deste xeito, a parasitose pode pasar inadvertida durante moito tempo. Agora, os tests desenvolvidos por Victoria Martínez permiten dun xeito sinxelo e rápido confirmar a sospeita da enfermidade xa na fase aguda, permitindo tratar aos pacientes antes de que se produzan lesións hepáticas.
Os métodos de diagnose desenvolvidos por Victoria Martínez baséanse no uso de anticorpos monoclonais, capaces de recoñecer selectivamente moléculas producidas polos parasitos. Un deles consiste nun test rápido que permite diagnosticar a fasciolose humana en tan só 15 minutos e a partir dunha pinga de sangue. A vantaxe deste sistema, que emprega a mesma tecnoloxía que os test de embarazo, é que pode ser realizado por persoal pouco adestrado sen necesidade de equipos sofisticados, de maneira que pode ser de grande utilidade en rexións endémicas con poucos recursos.
O segundo dos métodos é un ELISA ultrasensible capaz de detectar en mostras fecais minúsculas cantidades das enzimas dixestivas (catepsinas) que liberan os parasitos que habitan na vía biliar. O test, de aplicación tanto en mostras de orixe humana ou animal, detecta a infección en rumiantes de gran tamaño infectados cun só parasito, e pode ser utilizado para monitorizar a eficacia dos tratamentos. Ademais, constitúe o único test para detectar coproantíxenos de Fasciola dispoñible no mercado, de cuxa distribución se encarga a empresa belga BIO X Diagnostics.
Nova familia de proteínas Por outra parte, no traballo de Victoria Martínez descríbese por primeira vez a existencia dunha familia de proteínas características de trematodos que poderían estar implicadas no transporte e almacenamento de hemo dentro destes parasitos. Concretamente, a doutora realizou un extenso estudo para caracterizar, desde o punto de vista molecular, bioquímico e funcional, a proteína de unión a hemo MF6p/FhHDM-1,  de F. hepatica. Ademais de botar luz sobre os mecanismos de homeostase do hemo en trematodos, ata agora totalmente descoñecidos nestes organismos, dada a súa presumible importancia na supervivencia do parasito, esta proteína constitúe unha clara diana terapéutica para o desenvolvemento de novos fármacos selectivos.
Parte dos contidos da tese ‘Nuevas estrategias para el inmunodiagnóstico y control de la fasciolosis’, que obtuvo a máxima cualificación, publicáronse xa en revistas científicas internacionais de alto impacto como Journal of Biological Chemistry, PLoS One ou PLoS Neglected Tropical Diseases.
O tribunal que avaliou o traballo estivo constituído polo catedrático da USC José Manuel Leiro Vidal, a catedrática da Universidade de Valencia María Adela Valero Aleixandre e pola investigadora María Teresa Gárate Ormaechea, do Instituto de Saúde Carlos III de Madrid.

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..