Ratio: 5 / 5

Inicio activadoInicio activadoInicio activadoInicio activadoInicio activado
 
  • Comentario The Good Dinosaur (comercializada aquí como El viaje de Arlo)

A idea da que parte esta viaxe (unha viaxe, por certo, que queda clara no título en castelán (El viaje de Arlo), mais non así no título orixinal (The Good Dinosaur)) é que os dinosauros nunca deixaron de existir e conviviron cos humanos. Unha idea á que non se lle pode restar orixinalidade e que podía chegar a ser a semente dunha xenial obra. E si, digo podía porque, realmente, aínda que se trata dun filme totalmente recomendable para o público infantil e entretida para toda a familia, non chega ao nivel doutras películas da produtora coma Inside Out (comercializada en español como Del revés) e, indiscutiblemente, queda moi lonxe de obras mestras coma Up.

 

Nesta película asistimos ao nacemento e vida de Arlo, un pequeno diplodocus máis torpe e débil cós seus irmáns (un macho e unha femia), pero que non deixa de esforzarse para poder “deixar a súa pegada” ao igual que, tras conseguir facer algo grande, fixeron os demais membros da súa familia no hórreo familiar (un dos detalles máis memorables e mellor construídos do filme).

A viaxe deste pequeno dinosauro comeza tras perderse ao non ser capaz de facer o que lle encomenda o seu pai, un dinosauro forte e estrito pero cun gran amor polo seu fillo. A relación entre Arlo e Spot, un neno que máis ben parece un can, comeza cun odio mutuo pero tornarase nun profundo afecto no que as emocións e os sentimentos son suficientes para comunicarse entre eles.

O desenlace previse pero cumpre coas expectativas e vai acorde a todo o filme, xa que non é un desenlace grandilocuente, como tampouco o é o filme en si, pero Arlo chega ao seu destino e a película tamén: facer pasar un rato entretido á familia coa axuda dun guión moi sinxelo pero efectivo e coa man de personaxes cálidos e ben caracterizados (a animación é, sen dúbida, o punto forte do filme; cunha calidade en texturas sorprendente).

Por último subliñar que a falta de orixinalidade no desenvolvemento da historia pasa por beber demasiado, nalgunha escena, da obra mestra The Lion King (El Rey León) e por calcar en personaxes certos detalles doutros do filme Lilo and Stich (Lilo y Stich). Aínda así, hai que subliñar que se trata dun filme que nos amosa o camiño á madurez, a loita pola superación persoal e a necesidade de enfrontarnos ao medo; e que nos brinda escenas preciosas e realmente conmovedoras (a conversa sen palabras entre Arlo e Spot sobre a familia, o relato ao pé do lume dun forte dinosauro e, sobre todo, a aparición do pai de Arlo preto do final cando este vai na búsqueda de Spot). A diferenza doutros filmes da produtora, está máis focalizada aos nenos cós adultos pero para os primeiros é unha película perfecta: unha das mellores películas infantís do 2015.

 

Por Nuria García García

Adjuntos:
ArchivoDescripciónTamañoCreado
Descargar este archivo (ficha_galego_elviajedearlo_pixar.jpg)Ficha do filme El viaje de Arlo do artigo de Nuria García GarcíaFicha en galego do filme El viaje de Arlo do artigo de Nuria García García40 kB2016-01-15 15:00
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..