Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A Consellaría de Medio Rural non contempla destinar partidas orzamentarias para abordar problemas vitais para o noso agro como a xubilación inminente do 40% dos activos agrarios, a fin das cotas lácteas ou un apoio decidido ás zonas desfavorecidas de montaña

O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa preocupación pola desidia da Consellaría de Medio Rural á hora de deseñar o Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020. Trátase dun plan con amplo financiamento da Unión Europea: uns 127 millóns de euros por ano para Galiza (890 millóns para todo o período) que supoñen o 75% dos orzamentos para esta fin (o 25% restante debe correr a cargo da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura). Estes cartos poden ser ser unha ferramenta poderosa para o noso desenvolvemento rural, sempre e cando non se desbaldan os recursos en accións moitas veces difíciles de xustificar e, en ocasións, fraudulentas, tal e como aconteceu co PDR 2007-2013.

Desta vez, e a finais de xullo, as organizacións agrarias e sociais fomos convocadas para presentar as nosas propostas ao PDR 2014-2020 con tan só dúas semanas de antelación antes de ser presentado en Bruxelas, sen tempo nin para debater nin para achegar propostas traballadas en profundidade, nun plan que debería ter levado varios meses de preparación. Isto fai que temamos que a Consellaría de Medio Rural se limite a copiar e pegar as accións desenvolvidas no pasado con estes fondos comunitarios. Dende o SLG, botamos de menos uns obxectivos claros neste PDR e a posta en marcha de medidas concretas para acadalos, dado que o que se nos presentou ás organizacións agrarias foi un listado de liñas desordenadas, inconexas e sen ningunha estratexia clara. Tamén vemos falla de axilidade á hora de executar as accións comprometidas: a mediados de agosto, Galiza era a quinta comunidade do Estado máis atrasada na execución do PDR 2014, con só 67% realizado.

Fronte a isto, o SLG presentou varias alegacións ao PDR orientadas a protexer e xerar emprego no rural, a desenvolver un modelo social de acceso á terra, a promover producións de calidade ou a favorecer a sostibilidade das actividades agrogandeiras. Cómpre ter moi presente que se trata de fondos do segundo pilar da Política Agraria Común que, de xeito fundamental, deberían ser para apoiar aos principais sectores produtivos do medio rural: agrario, gandeiro e forestal.

Un dos problemas sobre os que chamou a atención o SLG foi a falla de medidas que combatan o envellecemento poboacional no agro e a falla de relevo xeracional nas explotacións. A previsión é que, no período no que se desenvolva o PDR até 2020, se xubilen na Galiza o 40% dos activos agrarios. O obxectivo de Medio Rural é que se incorporen neste período un 2'5% de novos activos, polo que nas súas previsións asume que en 6 anos Galiza perderá un terzo dos e das profesionais da agricultura, o cal é inadmisible. Para o SLG, debe orzamentarse o necesario para tentar cumprir un obxectivo mínimo de incorporar 10.000 persoas á profesión agraria, probablemente unha das que máis futuro ten na Galiza no actual contexto de desemprego, pois o noso país é importador neto de tódolos alimentos que consume; só falla que esta profesión obteña o apoio e atención que merece por parte da administración.

Outro dos problemas que ten o PDR é que unha grande cantidade das súas partidas orzamentarias destínase a fins que non teñen que ver nin coa agricultura, nin coa gandería nin co sector forestal. Por exemplo, é absurdo seguir gastando cartos en facer casas de turismo rural cando o nivel de ocupación en temporada alta (xullo e agosto de 2014) non chega ao 60%; deberíanse subvencionar proxectos só en zonas onde non haxa oferta suficiente. Tampouco pode ser unha prioridade destinar, como pretende a Xunta, grandes partidas orzamentarias para incorporar 600.000 novos usuarios e usuarias de banda ancha na Galiza, cando a cobertura xa é do 90% do territorio e o resto pode gozar deste servizo vía satélite cun mínimo investimento. Con medidas coma estas, a Xunta incorpora como grandes beneficiarios do PDR entes autonómicos como a Consellaría de Industria ou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (Amtega), en troques dos labregos e labregas que son quen se deberían beneficiar dos apoios.

Capítulo aparte nesta cuestión é que os fondos do PDR se veñen utilizando como vía de financiamento dos concellos, moitas veces con proxectos ou accións que non teñen nada que ver co desenvolvemento rural. Un bo exemplo disto son as brigadas municipais para a extinción de incendios, financiadas a cargo do PDR de xeito fraudulento, pois o PDR só podería cubrir labores de prevención dos lumes ou de recuperación das terras queimadas, pero nunca de extinción. Ademais, dende o SLG constatamos que moitos concellos utilizan estas brigadas para facer todo tipo de tarefas e obras que nin sequera teñen que ver con apagar lumes (mantemento de infraestrutras e mobiliario municipal, xardinería, limpeza, etc...).

Para evitar que o PDR siga a ser unha vía de financiamento das administracións, dende o SLG avogamos para que os seus cartos vaian, principalmente, a persoas que desenvolven actividades agrícolas, gandeiras e forestais que, ademais, son as que sofren determinadas limitacións por ter as súas explotacións, por exemplo, en zonas de Rede Natura ou de Protección Paisaxística, de xeito que os fondos respondan verdadeiramente ao seu obxectivo de compensar as limitacións, e axudar a protexer os valores naturais oportunos.

Nun plano positivo, o Sindicato Labrego fixo varias achegas para mellorar o PDR na Galiza se realmente queremos que sexa un instrumento de transformación e desenvolvemento rural. Entre as moitas medidas e mudanzas propostas, destacamos:

  • Financiar o incremento da superficie agraria útil (SAU) na Galiza, co obxectivo de acadarmos, como mínimo, o 33% do territorio para esta fin. Actualmente temos só o 21% de SAU, unha das máis baixas de Europa, onde países como Francia superan o 50%. Esta medida garantiría que as nosas explotacións se puidesen enfrontar ao crecente incremento dos custes enerxéticos ou de insumos, como a alimentación animal.

  • O PDR debería contemplar a inminente fin do sistema de cotas leiteiras e a previsible volatilidade dos prezos que isto provocará. Dende a propia Comisión Europea recomendaron a creación de medidas para apoiar ao sector a través dos PDR, pero a Consellaría de Medio Rural semella non terse decatado, pois non contempla ningunha acción ao respecto.

  • Apoiar os procesos de transformación dos alimentos nas propias explotacións como medio para xerar valor engadido nos produtos agrogandeiros e forestais. Para potenciar esta medida, habería que apoiala con outras como o fomento da distribución de alimentos en canles curtas de comercialización e venda directa.

  • No eido forestal, eliminar tódalas axudas que non fomenten unha silvicultura sustentable, o mantemento da biodiversidade e unha axeitada xestión do solo. En concreto, deixar de financiar monocultivos de crecemento rápido como o ecualipto ou certificacións de sostibilidade coa biomasa ou a pasta de papel obtidas a partir desta especie, o cal é fraudulento.

  • Deberían incorporarse novos esquemas de calidade como, por exemplo, a posibilidade de certificar leite, carne ou produtos agrarios e gandeiros producidos en base a pastos, á alimentación sostible dos animais, ou á maior calidade de vida e lonxevidade dos mesmos. É dicir, buscar calidades diferenciadas que dean novos valores engadidos e diferenciación dos nosos produtos no mercado.

  • No fomento de medidas agroambientais, dende o SLG propuxemos a creación dunha axuda mínima ás pequenas explotacións con compromisos adicionais de sustentabilidade. Trataríase de introducir unha nova liña de axudas a pequenas explotacións en mans de persoas en activo que ocupen unha UTA (Unidade de Traballo Agrario),  de maneira que se complementen as axudas PAC das mesmas ata os 3.000 €; ou de 3.000 € para as explotacións que non teñan pagos PAC. Hai sectores estratéxicos no medio rural galego como o vitícola, hortícola, froiteiro, ecolóxico e algúns sectores gandeiros nos que moitas explotacións, pola súa dimensión reducida, quedan totalmente fóra das axudas PAC.  Estas pequenas explotacións, ademais de proxectos multifuncionais, aseguran a ocupación e xestión coidada do territorio, o mantemento de postos de traballo e a permanencia poboacional no medio rural.

  • Rede Natura 2000: só poderán acceder a pagos compensatorios de rede Natura 2000, agricultores ou silvicultores activos; e quedarán excluídas dos pagos as superficies que estean plantadas a eucaliptos de menos de 40 anos. Por coherencia, os concellos quedarían excluídos das axudas. Tamén se rexistrarían distintos importes en función da rendibilidade, superficie media e custos de mantemento diferentes. Por exemplo, as superficies dedicadas á produción hortícola e á viticultura non poden ter os mesmos importes que as superficies forestais.

  • Incrementar as axudas por hectárea á agricultura ecolóxica nun 50%.

  • De cara a apoiar as zonas máis desfavorecidas do noso medio rural, a Indemnización Compensatoria de Montaña (ICM) debería ser, como mínimo, de de 215 euros por hectárea. O pago mínimo noutras áreas con limitacións naturais sería de 129 euros. Estes pagamentos deberían ser prioritarios sobre outras liñas do PDR e estar garantida a súa dotación orzamentaria.

  • Plan Leader: Eliminar a prohibición que impide que a produción agraria primaria se poida beneficiar das axudas do Plan Leader no que, ademais, deberían participar os e as representantes das organizacións agrarias representativas, cooperativas, asociacións de mulleres, mocidade, ecoloxistas e  tecido asociativo das comarcas. As administracións públicas, para garantir a metodoloxía Leader, non debería representar máis dun 40% na directiva.

Agardamos que a Consellaría de Medio Rural tome boa nota de todas as propostas que lle presentamos (achegamos o documento completo xunto con este comunicado) e que non volva repetir os erros cometidos co PDR 2007-2013, esforzándose en destinar a totalidade dos cartos a fomentar verdadeiramente o desenvolvemento rural da Galiza.{jcomments on}

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..