Ademais dos xa anunciados 1,5 millóns de euros para a nova piscina municipal, o Concello ten previsto investir preto doutro millón na reforma e mellora de tres das principais instalacións deportivas do municipio: os campos de fútbol da Lomba e de Vilaxoán e o pavillón número 1 do complexo polideportivo de Fontecarmoa. Igualmente, se renovará a maquinaria da actual piscina e tamén se intervirá en Fexdega, pero neste caso cos fondos propios do padroado do recinto.
03.02.2018. O goberno de Alberto Varela está disposto a dar solución ás demandas que, en materia de instalacións deportivas, se veñen producindo nos últimos anos. Entre elas, tres fundamentais: a renovación dos bancos e da cuberta da grada preferente do campo municipal da Lomba; o arranxo do muro e a substitución do “tepe” do campo municipal de Vilaxoán; e a reforma integral do pavillón número 1 do complexo polideportivo de Fontecarmoa, o que inclúe dar solución definitiva ao problema de condensacións.

A redacción dos proxectos técnicos xa están en marcha e polo tanto aínda non se pode concretar o custe total dos investimentos, especialmente no caso do pavillón de deportes, pero as estimacións iniciais roldan o millón de euros, aproximadamente 160.000 para o campo da Lomba, uns 200.000 para o de Vilaxoán e o resto para o pavillón de Fontecarmoa. Ademais, tamén se prevé renovar toda a maquinaria da piscina municipal, despois de 25 anos de funcionamento. O financiamento das obras virá da man, principalmente, dos fondos europeos e dos plans de deputación, ao que se sumarán partidas do propio presuposto municipal e da Fundación de Deportes.

Outro dos elementos máis importantes dentro das infraestruturas deportivas é o pavillón feiral de Fexdega, que hoxe acolle gran parte da actividade da Fundación de Deportes. Neste caso, os investimentos virán dos propios presupostos do padroado, cuxo órgano xestor quere convocar o alcalde nas vindeiras semanas para abordar este asunto, entre outros pendentes.
Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi